DO 22 AO 25 DE MAIO

BDra Gráfica fai de Pontevedra o novo escenario de Corto Maltés

Presentación de BDra Grafica
Presentación de BDra Grafica
BDra Gráfica fai de Pontevedra o novo escenario de Corto Maltés

Pontevedra, 23 de abril de 2025. Por terceiro ano consecutivo, a banda deseñada atopará en Pontevedra un espazo no que proclamarse protagonista absoluta da programación cultural. O festival BDra Gráfica continúa o seu camiño presentando unha programación emocionante e ambiciosa, e fixando a data da súa celebración: entre o 22 e o 25 de maio. 

Organizado e financiado polo Concello de Pontevedra, o festival de banda deseñada conta coa dirección e coordinación de Kiko da Silva, artista e director da escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético. 

Nesta ocasión, o cartaz de BDra Gráfica ten como protagonista a Corto Maltés, mais non nun espazo calquera, senón que posa na Praza da Leña, lugar simbólico dentro da cidade. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que se trata dunha cita que contará coa presenza de “figuras consagradas e internacionais” dentro desta rama cultural. 

“Nós sempre estaremos encantados de que en Pontevedra pasen cousas deste tipo, cousas que transcenden a cidade e mesmo o país. Só podo agradecerlle o seu traballo a Kiko da Silva e ao seu equipo e animar a todo o mundo a que se interese por este evento, que vaia aos distintos espazos cos que conta, e ás distintas charlas que se programarán”, indicou. 

Pola súa banda, o director do Garaxe Hermético, destacou o fito que foi poñer en marcha este festival e ver como dun xeito tan veloz se colocou como referente dentro do país. “Este ano temos a sorte de contar cun cartaz debuxado por Rubén Pellejero, o actual responsábel de Corto Maltés, xunto con Díaz Canales. É un dos libros de banda deseñada máis importantes do século XX e XXI, figura chave dentro do cómic europeo e arxentino”. 

“É un luxo ter unha imaxe coma esta”, declarou. “Ademais deste cartaz, teremos unha exposición de orixinais dos últimos libros de Corto Maltés que estará na Fundación Moldes, un dos espazos desta edición. Tamén teremos de convidada a Ana Oncina, recoñecida polo seu libro Croqueta & Empanadilla, que vén de gañar premios mesmo no Xapón”. 

A lista de convidados é longa, e forman parte da mesma nomes como Jaime Martín, Javi Rodríguez, Javi Rey, Alicia Jaraba (que realizará a masterclass deste ano no Teatro Principal), Paula Mayor ou Teresa Valero (que realizará unha exposición no espazo Nemonon fóra das datas oficiais do festival, o día 30 de maio). 

Como é habitual, BDra Gráfica contará na Praza da Ferraría cunha carpa que funcionará como centro neurálxico de todo evento e como punto de encontro e de distintas charlas, así como de venda de obras. Ademais, a Casa Consistorial abrirá as súas portas ao público para acoller unha mostra de corenta orixinais do coleccionista Jaume Vaquer, dono dunha das coleccións privadas máis importantes de BD. 

BDra Gráfica fai de Pontevedra o novo escenario de Corto Maltés