Barro recibe a BESPI, unha nova empresa para o polígono de Outeda

Barro recibe a BESPI, unha nova empresa para o polígono de Outeda

Barro, 23 de abril de 2025. O Concello de Barro vén de aprobar o proxecto básico e de execución da empresa BESPI, que construirá unhas instalacións no polígono industrial de Outeda destinadas á fabricación de baños prefabricados para uso hoteleiro. A nova nave industrial situarase na parcela E-04 e terá unha superficie total construída de 1.300 metros cadrados.

Os representantes da empresa mantiveron recentemente un encontro co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para presentarlle os plans de asentamento da firma no municipio. Durante a reunión, explicaron que BESPI aposta por Barro como punto estratéxico para o seu crecemento e que adquiriron unha parcela ampla, co obxectivo de poder acrecentar as instalacións no futuro se a evolución da actividade así o require.

O alcalde expresou a súa satisfacción pola chegada dunha nova empresa ao polígono: “Cada firma que se instala en Outeda é un paso máis na consolidación deste espazo industrial como motor económico do noso concello. Neste caso, BESPI vén achegar innovación e especialización nun sector cun amplo percorrido como é o da construción”

Fernández Abraldes tamén destacou a importancia de seguir atraendo proxectos que combinen a actividade empresarial coa sustentabilidade e a calidade de vida da veciñanza: “Seguimos a traballar para que o polígono de Outeda sexa un referente, non só polo volume de empresas, senón tamén pola calidade dos proxectos que se implantan”.

Con esta incorporación, BESPI únese a outras empresas que xa operan en Outeda, como Froiz, Estrella Galicia, EiDF Solar, Panaderías Acuña, Alumar, Artesa, Transfrío, TC Group Atlántico, Frutas Moncho ou, máis recentemente, Mafari, consolidando así o polígono de Outeda como un punto clave para o desenvolvemento económico e empresarial da comarca.

Barro recibe a BESPI, unha nova empresa para o polígono de Outeda