Fotosensíbeis, unha ollada de case tres décadas a través das cámaras fotográficas do alumnado de BB. AA.

Pontevedra, 23 de abril de 2025. O Pazo da Cultura acollerá desde este venres, 25 de abril, e até o 18 de maio, Fotosensíbeis, unha fermosa e relevante mostra fotográfica. Cunha entrada de balde, veciñanza e visitantes poderán achegarse até a sala de exposicións para coñecela en primeira persoa.
Comisariada polo ex profesor da facultade de Belas Artes e fotohistoriador, Manuel Sendón, Fotosensíbeis pretende amosar as posibilidades da fotografía como medio de produción artística, tal e como foi obxectivo das clases impartidas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra dende 1993 até 2021.
Tal e como recolle o texto comisarial da exposición, “a pesar de estaren os alumnos e alumnas nun período de formación, realizaron algúns traballos de interese dende un punto de vista artístico, acadando difusión fóra do ámbito académico e, nalgún caso, proxección internacional. Isto levounos a considerar interesante mostrar unha escolma de traballos que se iniciaron e remataron na clase, e algúns que se finalizaron despois dun curto período de tempo durante o cal se realizou un seguimento. Non se contemplan, polo tanto, os traballos fotográficos realizados posteriormente polos estudantes que cursaron fotografía. Ademais, móstrase tamén unha selección dos traballos de fin de grao que dirixín, así como outros realizados no Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo, do cal era investigador principal”.
Organizada polo Concello de Pontevedra, en colaboración coa Facultade de Belas Artes e a coordinación de Vacíocero, a inauguración acontecerá o vindeiro venres, ás 18.00 horas, instante no que a sala de exposicións abrirá as súas portas para repasar as obras dun total de 31 persoas (23 mulleres e 8 homes), entres as que se atopan os nomes de Maruxa Fernández, Elena Fernández Prada, Salvador Cidrás, Fran Herbello, Belén Gómez, Olalla García San León ou Victoria Diehl, entre outros.
“Trátase dunha exposición realmente interesante, que recolle traballos do alumnado de Manuel Sendón ao longo de case 30 anos”, explica o edil de Cultura, Demetrio Gómez. “Realmente é toda unha semblanza dese alumnado que estivo na cidade desde a fundación da facultade até a actualidade”. O Concelleiro tamén destaca de que se trata dunha oportunidade única para coñecer os primeiros traballos dunhas artistas que acabarían por ser internacionalmente recoñecidas, como Victoria Diehl ou Fran Herbello.
En paralelo á exposición, están previstas tamén distintas actividade a cargo de Vacíocero, como visitas guiadas de cara ao público xeral ou dous obradoiros deseñados en obras da mesma exposición. Un destes obradoiros sairá do espazo da mostra, e desenvolverase no exterior, en colaboración con tres asociacións veciñais da cidade. As reservas para estas actividades estarán pronto dispoñíbeis na web oficial do Concello.