Actuacións e labores de mantemento derivan no peche do CITA durante as vindeiras semanas

Cita
Cita
Actuacións e labores de mantemento derivan no peche do CITA durante as vindeiras semanas

Pontevedra, 25 de febreiro de 2025. O edil de Cultura, Demetrio Gómez informou do peche inminente do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) co obxectivo de levar a cabo labores de mantemento neste espazo relacionado coa mellora do seu equipo de ventilación e climatización. 

Nese sentido, Gómez lembrou que o CITA está construído baixo terra, “rodeado de granito por todos os lados”, circunstancias que impiden unha ventilación natural —por iso a importancia do bo funcionamento do sistema de ventilación— e que se relaciona coa detección dun nivel de radón por riba dos parámetros adecuados. 

Ora ben, o concelleiro destacou que esta problemática “non ten absolutamente ningunha importancia para as persoas que o visitan”, mais si pode ter importancia para os traballadores e traballadoras do lugar, xa que pasan máis tempo que os visitantes no CITA, ao traballar seis días por semana, facendo xornadas de catro horas. 

Porén, e aproveitando este peche temporal, o edil de Cultura explicou que está sobre a mesa a idea de “darlle unha volta” ao funcionamento do CITA, a raíz tamén dos datos de visitantes contabilizados nos últimos tempos. 

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, explicou que se aproveitará este peche para darlle unha volta ao funcionamento do espazo museístico, co fin de achegalo á veciñanza pontevedresa, poñendo sobre a mesa a posibilidade de realizar visitas a demanda

Ao longo dos dez últimos meses do pasado ano 2024, foron contabilizadas 3.331 visitas, unha cifra que supuxo un incremento ao respecto do ano 2022 (2.283). A cuestión é que se os números son analizados mes a mes, albíscase unha diferenza evidente entre os meses de verán, e o resto do ano (decaendo neste tramo). Así, Gómez explicou que “hai algo que non está a funcionar” á hora de atraer xa non visitante externos e turistas, senón veciños e veciñas ao CITA, polo que tamén se inicia un proceso de reflexión co fin de mellorar estas cifras de asistencia e potenciar o atractivo deste equipamento municipal. 

Polo momento, e xa traballando en novas posibilidades para o futuro, Gómez sinalou que unha das propostas posíbeis é a de abrir este espazo museístico a demanda, tendo uns días de visita para as persoas que o soliciten, permitindo así que as visitas sexan sempre guiadas, o que derivará nunha mellor e máis completa experiencia. 

Ademais desta proposta, tamén está sobre a mesa a posibilidade de realizar unha campaña de difusión entre os distintos centros educativos da cidade, así como achegar o CITA aos distintos colectivos sociais e que vexan este espazo con outros ollos. 

Actuacións e labores de mantemento derivan no peche do CITA durante as vindeiras semanas