O BNG demanda á Xunta que se poña as pilas coa dragaxe do Lérez

dragaxe
dragaxe
O BNG demanda á Xunta que se poña as pilas coa dragaxe do Lérez

Pontevedra, 27 de febreiro de 2025. O BNG volve á carga sobre o proxecto de dragaxe do Lérez, que foi anunciado fai máis de 20 anos e que leva máis de 15 dando tumbos polos despachos de Portos de Galiza. O deputado nacionalista Luís Bará rexistrou hoxe unha nova batería de iniciativas no parlamento galego nas que demanda tres cuestións moi concretas. A primeira é que se cumpra o acordo unánime do parlamento galego do ano 2019 que instaba a Xunta a tratar en terra os depósitos do río que teñan carga contaminante, tal e como se fixo na dragaxe da ría do Burgo. A segunda é que se faga un estudo técnico e económico para analizar como e onde se poden depositar e tratar estes residuos, e os custos desta operación. E a terceira que se habiliten as partidas orzamentarias precisas para que este proxecto se poida facer realidade en 2025.

Luis Bará denuncia que o proxecto leva 15 anos dando tumbos polos despachos e que a Xunta do PP pon excusas para non facer unha obra imprescindibel para mellorar a navegabilidade do río e a produtividade do fondo da ría de Pontevedra

O deputado nacionalista sinalou que a dragaxe do río Lérez entre as Corbaceiras e a illa de Tambo é un proxecto vital para a rexeneración do fondo da ría, para a recuperación da actividade marisqueira, para a mellora da navegabilidade da canle do río e para a ampliar a operatividade tanto na Clube Náutico deportivo como do peirao das Corbaceiras, que están perdendo capacidade de amarres e de actividade pola acumulación de sedimentos.

O BNG considera que o tratamento en terra é a única vía de saída para que este proxecto se poida realizar. Primeiro porque o vertido na contorna da illa de Sálvora conta co rexeitamento de todo o sector marítimo pesqueiro da ría de Arousa. E, segundo, porque estamos nunha época de maior sensibilidade ambiental e o mar non pode seguir sendo o depósito de vertidos potencialmente contaminantes.

O BNG demanda que se cumpran os acordos parlamentares e se faga un estudo técnico e económico para tratar en terra os depósitos que teñan carga contaminante

Bará denunciou a inoperancia e a pasividade da Xunta con este proxecto. Unha inoperancia que chegou a tal punto que mesmo o portavoz do PP en Pontevedra chegou a calificar como actitude de “certa desidia”. O deputado nacionalista sinalou que “en realidade, a estas alturas quedou claro que o PP non ten ningún interese en facer esta actuación xa que deixou que pasara o tempo, que caducaran os estudos, que quedaran sen investir as partidas incluidas no orzamento; e xustificou con excusas e evasivas a súa decisión de non investir un euro na rexeración da canle da desembocadura do Lérez”. “A Xunta deixou clara a súa intención de non facer nada neste ano 2025 cando puxo no orzamento de Portos a raquítica cantidade de 100.000 euros para este proxecto”, sentenciou Bará.

Para o BNG, “a xestión que está facendo a Xunta deste tema demostra que non ten o máis mínimo interese en facer esta obra e o principal responsábel desta desidia chámase Alfonso Rueda”.

O BNG demanda á Xunta que se poña as pilas coa dragaxe do Lérez