Barro consegue máis de 360.000 euros para transformar os accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa

Barro, 27 de febreiro de 2025. O Concello de Barro vén de obter unha nova subvención para o presente ano. Desta volta trátanse de 367.235 euros para unha mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa.
Este proxecto ten como obxectivo principal mellorar o acceso a Barosa desde a N-550, realizando unha transformación integral de todo o vial de acceso ao parque, coa implementación de medidas de seguridade viaria, coa mellora dos aparcadoiros, coa creación dunha senda peonil segura para conectar as fervenzas co Camiño de Santiago ou, entre outras actuacións, coa renovación integral do alumeado.
O alcalde, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, acompañados do presidente da Comunidade de Montes da parroquia de Barro, Ramón Lagares, visitaron a zona do parque na que se executará o proxecto.
Este investimento supón outra gran nova para Barro, que neste ano 2025 tamén verá iniciada a nova depuradora central do Carballal e o novo edificio do centro de Saúde
O alcalde mostrouse moi satisfeito por ter acadado o financiamento para executar este proxecto que se financiará con Cargo ao Plan Extra da Deputación de Pontevedra. Para Abraldes “é unha satisfacción moi grande que o proxecto fose seleccionado, un proxecto que sen dúbida vai mellorar e dignificar moito o acceso a este enclave natural tan significativo e importante para Barro”.
Barosa é o principal polo de atracción turística de Barro, tanto polo seu valor patrimonial como natural, e acolle anualmente a milleiros de visitantes, tanto locais como estranxeiros, sobre todo a través do Camiño de Santiago debido á súa proximidade.
Este investimento supón outra gran nova para Barro, que neste ano 2025 tamén verá iniciada a nova depuradora central do Carballal e o novo edificio do centro de Saúde.