O BNG solicita a Abanca a adopción de medidas para garantir o correcto funcionamento do caixeiro de Ponte Valga

Abanca - Ponte Valga
Abanca - Ponte Valga
O BNG solicita a Abanca a adopción de medidas para garantir o correcto funcionamento do caixeiro de Ponte Valga

Tras o peche da oficina bancaria de Abanca en Ponte Valga en 2021, a única saída que lle deixaron á veciñanza foi un caixeiro, o cal sofre continuas avarías e atópase fóra de servizo ou directamente non operativo durante moitos días ao ano. Isto supón un grave inconveniente tanto para os veciños e veciñas, como para as persoas que están de paso. Este problema é especialmente preocupante para aqueles que teñen dificultades para desprazarse a outras localidades en busca dun caixeiro operativo, especialmente persoas maiores, sen recursos ou autonomía á hora de desprazarse, e que teñen que depender doutras persoas para que as leven a outras sucursais e poder así realizar operacións bancarias básicas. 

Ante este abandono por parte da entidade, e a falta de iniciativa do goberno municipal, o BNG de Valga dirixiuse directamente a Abanca para solicitar que se tomen as medidas oportunas para garantir o correcto funcionamento do caixeiro, xa que para moitas persoas constitúe unha ferramenta esencial para a súa xestión financeira diaria. Ademais de esixir que, nos casos de mal funcionamento do caixeiro, se ofreza unha solución eficaz e rápida, tamén se solicitou que no caixeiro de Ponte Valga se poidan levar a cabo a operacións de ingreso en efectivo, unha opción que si permiten caixeiros de oficinas da contorna. 

Fran Devesa trasladou a Abanca que reconsiderase o peche da oficina bancaria de Ponte Valga e retomase a atención presencial, cando menos algúns días á semana, no núcleo máis poboado do concello e capitalidade administrativa de Valga

Ao mesmo tempo, o BNG trasladou tamén a Abanca que reconsiderase o peche da sucursal bancaria de Ponte Valga e retomase a atención presencial, cando menos algúns días á semana, no núcleo máis poboado do concello e capitalidade municipal. Un indicador da vitalidade urbana e dinamismo de Ponte Valga é que, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, na parroquia de Valga a porcentaxe de poboación menor de 18 anos é a máis elevada da contorna, presentando mellores números que calquera lugar de Cesures, Padrón, Cuntis, Caldas, Catoira ou Dodro. 

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “unha oficina física facilitaría as xestións a aquelas persoas que non están familiarizadas coa banca electrónica, ademais de cumprir cunha función social fundamental, garantindo un servizo esencial para moitos dos nosos veciños e veciñas”. 

O BNG solicita a Abanca a adopción de medidas para garantir o correcto funcionamento do caixeiro de Ponte Valga