A senda do río Gafos contará cunha nova zona de estancia á altura da rúa Ponte Nova

A senda do río Gafos contará cunha nova zona de estancia á altura da rúa Ponte Nova

Pontevedra, 24 de febreiro de 2025. O edil de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, presentou o proxecto de demolición de construción de planta baixa e adecuación do espazo público na ribeira do río Gafos, na rúa Ponte Nova no 5, que se traducirá na recuperación dun espazo de case 170 metros cadrados. 

A edificación existente e visible no lugar non conta con ningún tipo de valor patrimonial ou arquitectónico e son visíbeis na súa fachada as distintas modificacións que se lle foron facendo ao longo dos anos, incorporando ladrillo e outros elementos de nulo valor histórico. “Está nun estado bastante ruinoso, provocando unha mala imaxe na zona”, comentou Moreda. 

O proxecto de mellora deste lugar contempla o derrube dunha edificación ruinosa de 94 metros cadrados e a recuperación da beira esquerda do río nesta contorna

“A actuación prevista contempla o derrube da edificación e a recuperación da beira esquerda do río Gafos, creando un espazo para o gozo da veciñanza da zona ou dos paseantes que se acheguen até aquí”, indicou. “Os traballos mellorarán o acceso á senda do Gafos, creando un itinerario máis accesíbel e unha zona de estancia ao carón do río”. 

O orzamento do proxecto ascende a case 49.000 euros. O edil subliñou que este tipo de actuacións, máis pequenas, son tamén fundamentais para a cidade ao ter un impacto positivo na súa contorna, mellorando os espazos públicos e a calidade de vida da veciñanza. 

A senda do río Gafos contará cunha nova zona de estancia á altura da rúa Ponte Nova