DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O Salón do Libro de Pontevedra acollerá o 2 de abril a entrega dos Premios Lazarillo 2024

Demetrio Gómez e David Cortizo
Demetrio Gómez e David Cortizo
O Salón do Libro de Pontevedra acollerá o 2 de abril a entrega dos Premios Lazarillo 2024

Pontevedra, 24 de febreiro de 2025. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra será escenario da entrega dos “Premios Lazarillo 2024” segundo anunciou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez acompañado de David Cortizo, presidente de Gálix e Vicepresidente do OEPLI, encargada de convocalos desde 1986. 

O Salón do Libro vai acoller o día 2 de abril a entrega e revelación do Premio Lazarillo que probablemente sexa o premio máis importante que se entrega no Estado para a Literatura Infantil e Xuvenil, e o máis lonxevo. “Son premios que se entregan desde 1958 e que sempre se entregaron en Madrid ou Barcelona. Sempre estiveron dentro desde circuito das grandes editoriais e por primeira vez saen para vir a Pontevedra onde o Salón do Libro vai estar orgullosísimo de acoller esta celebración e fallo do xurado destes premios”, afirmou Demetrio Gómez. 

“Gálix propuxo Pontevedra como sede porque aquí atopamos un tecido, un ecosistema importantísimo que potencia a LIX. Hai autoras a autores, editoriais, un Salón do Libro que neste momento é o máis antigo do Estado e moítisimos lectores e lectoras que fan que Pontevedra sexa unha auténtica potencia na literatura infantil e xuvenil”, afirmou o concelleiro de Cultura. 

En case 70 anos de vida, será a primeira ocasión na que terán lugar fóra de Madrid ou Barcelona

“O fallo dos premios será o dous de abril, Día do libro Infantil e Xuvenil, no marco do Salón do Libro, e queremos que sexa unha presentación en sociedade desa potencia da literatura infantil e xuvenil en Pontevedra, desa potencia creativa, cun acto no que os nenos e nenas da nosa cidade terán especial peso”. 

Actualmente os Premios Lazarillo entréganse en dúas categorías: Álbum ilustrado e Creación Literaria e Galiza ten demostrado alí máis que sobradamente a súa potencia, xa que desde que o gañou Agustín Fernández Paz en 1990, Galiza leva recibido 11 veces este galardón o que fai prácticamente un tercio, un 33% dos que se entregaron a partir dese ano. 

Cortizo quixo destacar que “a OEPLI decidiu que quería saír do circuito Madrid- Barcelona. Realmente Madrid porque levaban xa 10 anos consecutivos entregando o Premio Lazarillo alí, na Feira do Libro de Madrid e nunha reunión tomaron esta decisión para potenciar o acto de entrega do premio e o propio premio, para que tivera máis difusión no resto do Estado. Mercedes Pacheco, que é a secretaria técnica de Gálix, pediu que se se facía así, a primeira cidade non podía ser outra que Pontevedra. Polo Salón do Libro pero tamén polo Culturgal, o apoio decidido da cidade de Ponteveda ao libro infantil e xuvenil. Pensamos moito tamén nunha persoa pontevedresa, que nunca gañou o Lazarillo pero é unha figura da Literatura infantil e xuvenil, Fina Casalderrey, moi valorada dentro da OEPLI. Non houbo ninguna dúbida, foi decidido por unanimidade nas 4 seccións da OEPLI: a catalá, a vasca, a galega e a castelán

Listaxe gañadoras galegas e galegos dos Premios Lazarillo 

  • 1990 - Agustín Fernández Paz - Contos por palabras
  • 1999 - Marilar Aleixandre - A banda sen futuro
  • 2000 - Gloria Sánchez - Cándida Viladecruces
  • 2001 - Ana María Fernández Martínez - Amar e outros verbos 
  • 2004 - Xosé Antonio Neira Cruz - A noite da raíña Berenguela 
  • 2009 - Marcos S. Calveiro - O pintor do sombreiro de malvas 
  • 2014 - María Solar - O meu pesadelo favorito
  • 2015 - Ledicia Costas - Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta 
  • 2017 - Ledicia Costas - A balada dos unicornios
  • 2018 - Andrea Maceiras - Rusgalia
  • 2021 - Ledicia Costas - A lebre mecánica 
O Salón do Libro de Pontevedra acollerá o 2 de abril a entrega dos Premios Lazarillo 2024