A TECNOLOXÍA LED PERMITIRÍA CREAR ATA 16 MILLÓNS DE TONOS DE LUZ
Caldas quere instalar unha iluminación ornamental na ponte romana

Caldas, 24 de febreiro de 2025. O Concello de Caldas quere mellorar a iluminación nocturna da Ponte Romana e pretende substituír as vellas luminarias por unha tecnoloxía de última xeración que permitirá xerar ata 16 millóns de tons de luz diferentes para alumear e poñer en valor o elemento patrimonial do río Bermaña. O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que o goberno local vén de presentar o proxecto na Xunta de Galiza para conseguir unha subvención de Turismo coa que financiar a actuación, que supera os 32.500 euros.
O tenente de alcalde destaca que a Ponte Romana é un monumento emblemático da vila que forma parte do Camiño de Santiago, sendo moi transitado, pero que nestes momentos presenta varios problemas: está mal iluminado con proxectores que non teñen a óptica axeitada e xeran manchas sobre a pedra, o sistema de iluminación ten un grande consumo enerxético porque precisa de moi alta potencia e, ademais, os focos non son estancos, estando danados polas frecuentes subidas no nivel da auga. Por outra banda, a instalación sufriu múltiples roubos dos cables de cobre e actos de vandalismo nos últimos anos.
Para mellorar substancialmente a calidade da iluminación, quérense substituír as luminarias actuais e introducir novos elementos con ópticas axeitadas adaptadas á contorna húmida e con tecnoloxía RGB que permitirán unha calidade da luz moi superior, ademais de reducir o consumo un mínimo do 55%. Instalaranse 7 proxectores para iluminar as dúas fachadas da ponte, misturando luminarias que permiten baños de luz homoxéneas con outras máis pequenas que permiten acentuar partes singulares como o cruceiro no interior da ponte, remarcando os arcos e demais elementos arquitectónicos.
Para dirixir todo o sistema, proponse un controlador DMX no cadro de mandos do alumeado público, ademais dun mando –a través dun PC, tableta ou teléfono móbil- que permitirá, unha vez realizada a programación xeral da luz, controlar independentemente cada proxector.
Segundo explica Fariña, trátase dun alumeado ornamental que permitirá regular a intensidade e as cores a utilizar (ata 16 millóns de tons diferentes, segundo permite a tecnoloxía requirida no proxecto), variando o réxime de funcionamento e establecendo iluminacións especiais en datas sinaladas como as festas, tempada alta de afluencia turística ou acontecementos nocturnos singulares. “Con esta iluminación a Ponte Romana terá o tratamento que merece. Será case como un lenzo ou unha pantalla que aínda chamará máis a atención pola súa beleza incluso polas noites”, destaca.