SERÁ O PARQUE URBANO MÁIS GRANDE DA CIDADE

As obras do Parque da Parda comezarán na primeira quincena de marzo

Rolda de prensa parque da Parda
Rolda de prensa parque da Parda
As obras do Parque da Parda comezarán na primeira quincena de marzo

Pontevedra, 21 de febreiro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Parques e Xardíns, Xaquín Moreda, deu conta das últimas novidades ao redor do futuro Parque da Parda e a posta en marcha das obras que o farán realidade. 

Rexedor e edil mantiveron esta mañá unha reunión cos técnicos municipais e as empresas encargadas do proxecto (a UTE conformada por Covsa e Ramírez, ambas as dúas pontevedresas), para iniciar a execución das obras do novo parque. “Estou especialmente contento por poder dicir que o día 25, o martes que vén, será presentado o plan de seguridade e hixiene; e o día 27 será asinada acta de marca, polo que as obras poderán comezar”. 

O rexedor lembrou que este proxecto foi adxudicado por 5.317.603 euros, ao tempo que sinala que os traballos visíbeis comezarán na primeira quincena de marzo. O primeiro paso será o de realizar rozas en todo o terreo, tarefa que durará case dous meses. Doutra banda, tamén se levará a cabo un estudo hidrográfico para coñecer a cantidade de auga que se encontra neste espazo, “que sabemos que é grande”. “Vanse localizar os olleiros para logo poder canalizalos e levar a auga por onde sexa preciso ao longo deses 33.000 metros cadrados que ten a parcela”. 

Fernández Lores explicou que coma en todo proxecto destas características é posíbel que se realice algunha modificación do proxecto inicial en base ao que se poida ir coñecendo e traballando, mais mantendo o seu deseño e eixo inicial. 

“Este parque terá distintos usos, sendo o principal o de crear unha nova gran zona de lecer e esparexemento; ademais de zona deportiva, aparcadoiros ou parques infantís”, comentou. “Serán plantadas máis de 1.500 árbores no que será un dos grandes investimentos deste mandato. Queremos seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra”. 

As obras do Parque da Parda comezarán na primeira quincena de marzo