A vilagarciá Nuria Díaz, autora do cartel do XXVI Salón do Libro que botará a andar o 21 de marzo co cinema como protagonista

Rolda Nuria Diaz e Demetrio Gómez
Rolda Nuria Diaz e Demetrio Gómez
A vilagarciá Nuria Díaz, autora do cartel do XXVI Salón do Libro que botará a andar o 21 de marzo co cinema como protagonista

Pontevedra, 21 de febreiro de 2025. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez presentou o cartaz da ilustradora Nuria Díaz para o XXVI Salón do Libro ‘O cine: luces, cámara, acción... que vén o Salón!’ que terá lugar entre o 21 de marzo e o 6 de abril na nosa cidade. 

“Hoxe presentamos esta marabilla de cartaz que fixo Nuria Díaz para o Salón. A historia de Nuria co Salón e co cinema é longa, xa que ten feitos xa varios traballos con este tema e co Salón, participou con exposicións como Pioneiras ou a mostra de Xogos Tradicionais do Observatorio de Patrimonio Lúdico Galego, pero hai anos que queríamos colaborar. Este ano seleccionámola entre todos os portfolios que recibimos pola súa vinculación co cinema ao longo da súa ampla traxectoria. 

Desde o primeiro boceto que ela fixo, as súas propostas encantáronos e realmente dá gusto traballar cando hai unha persoa que ten esta sensibilidade, esta calidade e esta calidez. Que é quen de transmitir o que é o Salón. O simbolismo do cine e a literatura, a capacidade que ten de unilos. No equipo do Salón estamos encantadas”, salientaba o concelleiro. 

Na súa intervención Nuria comentou que “despois de varios anos presentando o meu portfolio, tiven a sorte de ser seleccionada porque tiña moita gana de facer o cartaz do Salón, e que fose xusto este ano, que está adicado ao mundo do cinema co que eu teño unha vinculación persoal e laboral moi estreita, foi un agasallo”. 

O cartaz mostra a vinculación entre o cinema e a literatura, dúas disciplinas que están relacionadas entre si, que contan historias e crean emocións. “Ideei dous personaxes, divertidos, amenos, que conectaran moito co público ao que vai dirixido o Salón. Unha cámara e un libro que van percorrendo un camiño da man, que nos leve a lugares imaxinarios. A miña inspiración veu por un lado polo imaxinario do cinema clásico, no icono da cámara, unha cámara antiga e tamén cos contos infantís. Por iso son uns personaxes atropomórficos, tan habituais nos libros para cativada”, afirmou a deseñadora. 

O deseño do propio cartaz vén sempre con un espazo negro onde está a información, que a artista quixo aproveitar para crear aí mesmo o personaxe do libro e integralo. “Tamén quería que os personaxes puideran saír dalgunha maneira das marxes do cartaz e estamos traballando nos personaxes en si mesmos para pasalos a outros espazos. Estou encantada e moi agradecida de poder facer este cartel e agardo que vos guste”, rematou Nuria Díaz.

A vilagarciá Nuria Díaz, autora do cartel do XXVI Salón do Libro que botará a andar o 21 de marzo co cinema como protagonista