Mosquera acusa a Domínguez de confundir previsión e gasto, e lembra que o prezo dunha viaxe no coche de punto é o mesmo que unha viaxe normal en calquera taxi da cidade

Pontevedra, 25 de febreiro de 2025. O edil de Mobilidade, César Mosquera, quixo lembrar este martes, 25 de febreiro, que, “tal e como se dixo e se transmitiu e tal e como saben todos os usuarios e usuarias do Coche de Punto”, o custe de desprazamento deste servizo é “exactamente o mesmo que nun taxi”.
“Críamos que estaba claro, xa que se comentou en varias ocasións, pero semella que hai alguén que non o entendeu, como é o caso do señor Domínguez, que inventa algunhas contas e por iso cómpre dar conta das reais”, indicou o concelleiro.
As tarifas de equilibrio do Coche de Punto parten dos 3,75 euros de baixada da bandeira, e de 1,08 euros por quilómetro. Ambas as dúas cifras están fixadas por un sistema de tarifas, como todas as da modalidade do taxi, que teñen tramitación no Concello de Pontevedra, e ante Comercio-Xunta de Galiza.
O servizo de transporte a demanda do Concello de Pontevedra supuxo un gasto de 7.588,67 euros para as arcas municipais nos seus primeiros meses de funcionamento, o que podería ser, de manterse as mesmas cifras, un gasto anual de 22.000 euros
Nesta modalidade de prestación, por ser de interese público, o concello compensa aos operadores a diferencia entre tarifas de equilibrio e os ingresos das tarifas que aboan directamente os usuarios. Así, nesta primeira etapa de posta en marcha como non se cobraba ao usuario, o Concello puxo a totalidade da tarifa de equilibrio, polo que a conta é a seguinte: ‘4.602,94 qm x 1,08 €/qm + 698 viaxes x 3,75 euros/viaxe = 7.588,67 euros’
O coste medio da viaxe-expedición (pode ser con varias persoas ou pasaxeiros) foi de 10,87 euros. Se estas cifras fosen constantes ao longo de todo ano, falaríase dunha cifra total próxima aos 22.000 euros anuais.
“Non sei de onde saca as súas cifras Domínguez. Non sei se é que pensa que os taxistas van cobrar dez ou quince veces máis por estas viaxes. Non colle en ningunha cabeza”, explicou. “Por suposto, no orzamento hai unha previsión de 230.000 euros para este exercicio, e que tal e como van as cousas pois non se gastarán... por iso é unha previsión. Se hai moitas viaxes gastarase máis e se hai menos, gastarase menos. Sorprende que se teñan que aclarar cousas deste tipo, onde alguén confunde previsión e gasto”.