Pontevedra solicitará 20 millóns de euros de fondos FEDER para a posta en marcha de proxectos de mellora, accesibilidade e conectividade en Monte Porreiro, A Parda, A Seca e Valdecorvos

Pontevedra, 25 de febreiro de 2025. Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta da aprobación do Plan de Actuación Integrado (PAI) Estratexia Integrada de Desenvolvemento Local Axenda Urbana de Pontevedra ‘RAIL Pontevedra’ (Reconexión, Accesibilidade Integral e Mellora Ambiental de Pontevedra Leste), co que a cidade participará na convocatoria dos Planes EDIL (Plans de Actuación Integrados de Entidades Locais) financiada con fondos FEDER.
O ámbito de intervención do PAI RAIL Pontevedra localízase nos barrios periurbanos colindantes ao leste coa vía do ferrocarril, é dicir, nos barrios de Monte Porreiro, A Seca–Valdecorvos e A Parda, para así superar o efecto barreira na conexión leste-oeste da cidade e garantir a coesión urbana, a equidade no acceso aos servizos e a sustentabilidade do modelo de Pontevedra.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que o ámbito de intervención do chamado PAI RAIL se situará ao carón da vía do ferrocarril, e axudará a desenvolver actuacións coma a construción do novo pavillón de Monte Porreiro, o novo parque da Parda, a xestión de inundacións provocadas polo río Valdecorvos ou a creación dun novo espazo de centralidade sobre a vía no barrio da Seca
A modo de resumo, os proxectos a desenvolver serían os seguintes, segundo a zona:
• P1: MONTE PORREIRO REVIVE: Desenvolvemento de infraestruturas deportivas, socioculturais e mellora de espazos públicos no barrio de Monte Porreiro
• P2: ADAPTA e CONECTA A SECA –VALDECORVOS: Xestión de riscos de inundación relacionados co clima, conexión urbana e novo espazo de centralidade sobre a vía do ferrocarril nos barrios da Seca-Valdecorvos
P3: A PARDA VERDE: Novo parque verde no barrio de A Parda
P4: PONTEVEDRA SMARTCITY: Administración electrónica e TICS ao servizo da cidadanía
Tal e como explicou o rexedor, o Investimento solicitado será de 20.000.000 € (dos cales 12 millóns son financiados polo FEDER e 8 millóns son financiados polo Concello de Pontevedra). O reparto deste investimento sería para o P1 (10.956.772,53 euros), P2 (3.025.624,28 euros), P3 (5.317.603,19 euros) e P4 (700.000 euros).
“Sería a solicitude de fondos máis grande que fixemos até o de agora”, indicou Fernández Lores. “Confiamos en poder recibilos e poñer en marcha estas actuacións, que realmente mudarían distintos aspectos destes barrios e destes espazos”.