A oferta económica presentada para o novo contrato de residuos contempla unha rebaixa do 7,58 %

Raimundo González
Raimundo González
A oferta económica presentada para o novo contrato de residuos contempla unha rebaixa do 7,58 %

Pontevedra, 28 de febreiro de 2025. O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, deu a coñecer que “a oferta económica presentada pola empresa para o contrato de xestión de residuos públicos de competencia municipal contempla unha rebaixa do 7,58 % anual sobre o orzamento de licitación e que, tendo en conta as cifras que manexa este contrato, falaríamos de case 900.000 euros de rebaixa”, indicou o concelleiro. “Dos 12,8 millóns pasaríamos a 11,9 millóns de euros anuais”. 

A cifra concreta da rebaixa sobre o prezo de licitación sería de 896.580,09 euros. “É realmente significativa, se ollamos a contía”. 

A oferta foi revelada na mesa de contratación  e tradúcese en case 900.000 de rebaixa anuais

No referido ás melloras, na que se podían ofertar dúas por un máximo de 75.000 euros anuais, a empresa tamén as inclúe, sendo neste caso un incremento das rozas non previstas no contrato, así como o incremento e instalación de papeleiras. 

Os seguintes pasos a seguir na tramitación deste contrato pioneiro pasa pola recepción do novo informe técnico sobre a oferta económica, para logo procederse coa proposta de adxudicación e a posta en marcha das novas prestacións que se contemplan para o servizo. 

Máis traballadores, vehículos máis ecolóxicos e renovación total dos colectores 

Nese sentido, o edil de Economía e Facenda tamén quixo lembrar algunhas das melloras que a veciñanza de Pontevedra poderá percibir co inicio do novo contrato, a medida que pasen as semanas e se deixe atrás o período de transición. 

O cadro de traballadores directos que a empresa ten contratados na cidade aumentará en case un 68 %, o que se traducirá nun total de 167 traballadores e traballadoras (+ cadro indirecto) para realizar as distintas tarefas que o servizo realiza no día a día. 

O funcionamento do novo contrato incluirá un incremento no número de traballadores e traballadoras do 68 %, 25 vehículos de recollida novos, 32 vehículos de limpeza viaria novos ou a compra de 2.732 colectores para a súa renovación

Tamén se incrementan de xeito substancial os vehículos de recollida e de limpeza viaria. Dos primeiros haberá 25 novos vehículos de gas natural comprimido (o que lles outorga a etiqueta eco) e 32 vehículos eléctricos dos segundos. A empresa tamén deberá mercar 2.732 colectores para renovar o parque municipal, así como a creación e xestión de 8 illas emerxentes de colectores para o centro As illas emerxentes son espazos onde os colectores permanecerán determinadas horas ao día para que a veciñanza poida facer uso dos mesmos. Logo, segundo os horarios que se indiquen, serán retirados. Estas illas funcionarán de xeito independente á recollida de cartón e vidro que xa existe e funciona no centro histórico. 

“Hai unha mellora máis que substancial no servizo, no material, no cadro de persoal e nas prestacións”, comentou González. “Sen esquecer, por suposto, a planta de compostaxe que se situará na Canicouva, nos terreos marcados polo Concello, de 4.000 m2. Como novidade, a empresa fixa exactamente como será esta planta, mais tamén sinala a instalación dun sistema fotovoltaico de 615 paneis de 500 Vp cada un, o que podería dar unha enerxía de case medio millón de kw ano”. 

A oferta económica presentada para o novo contrato de residuos contempla unha rebaixa do 7,58 %