pontevedra
Novas

O BNG denuncia a situación límite da sanidade pública e reclama actuacións urxentes ao goberno do PP

Pontevedra, 1 de abril de 2025. Pontevedra, 1 de abril de 2025.-  O deputado do BNG por Pontevedra Luís Bará mantivo hoxe un encontro con profesionais do ámbito sanitario para avaliar a situación da sanidade pública e presentar as propostas que o BNG presentou no parlamento galego para facer fronte á grave situación de desmantelamento e deterioro que sofre este servizo público fundamental despois de 16 anos de recortes e privatizacións do PP.

Os atrasos nos diagnósticos, as  listas de espera interminables, un persoal sanitario ao límite e o desmantelamento da Atención Primaria estanlle afectando gravemente ao dereito da atención sanitaria, unha situación que “afecta en maior medida aos colectivos máis vulnerables, como as persoas con enfermidades crónicas ou con problemas de saúde mental, a infancia, as persoas maiores ou as mulleres.

Bará denunciou a incapacidade do goberno da Xunta do PP, que despois dun ano de lexislatura ainda non superou a fase dos anuncios. Referiuse así ás “promesas incumpridas”, como o plan de recursos humanos, a presenza de psicólogos clínicos en atención Primaria ou o novo modelo de atención sanitaria, que, segundo dixo, seguen sen materializarse. “Non é aceptable o mantra permanente de que non hai profesionais facultativos nin de enfermaría”, afirmou, sinalando categorías como nutricionistas, psicólogos clínicos ou terapeutas que, habendo persoal, non se contrata.

O BNG considera que a falta de profesionais non se resolve simplemente cunha maior oferta de contratos precarios ou coa contratación de MIR, e insistiu na necesidade de mellorar as condicións laborais e abordar a sobrecarga asistencial para que o persoal do Sergas non acabe marchando fóra ou á sanidade privada. Rexeitou ademais que o PP “queira converter unha medida provisional e excepcional en permanente”, referíndose á contratación de MIR, profesionais en formación e que precisan supervisión, para cubrir a falta de médicos no verán.

Na xuntanza de hoxe tamén se abordaron as principais carencias en materia sanitaria na área de Pontevedra, tanto no que ten que ver con infraestruturas pendentes como os novos centros de saude de Poio ou Soutomaior como o mal funcionamento dos servizos de atención primaria e pediatría, as listas de agarda en saude mental ou as listas de agarda para unha cirurxía, para unha 1ª consulta hospitalaria, ou para unha proba complementaria.

Chamamento á mobilización e propostas urxentes

O deputado do BNG fixo un chamamento á mobilización da sociedade galega ante a “situación inaceptable” na que se encontra a sanidade pública, que , segundo indicou, empeora día a día debido á xestión dun PP na Xunta que “leva anos aproveitando cada crise para acelerar o seu deterioro e privatización. Bará animou á cidadanía a participar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública este domingo en Compostela en defensa da sanidade pública galega.

Na xuntanza, o deputado nacionalista tamén trasladou as principias demandas presentadas polo BNG no parlamento galego encamiñadas a elaborar, con urxencia e cos orzamentos precisos, un plan de ordenación de Recursos Humanos para identificar as necesidades de persoal en cada colectivo; poñer en marcha un modelo de atención primaria, coa incorporación á carteira de Servizos de categorías imprescindibles para prestar unha atención integral e descolapsar as listas de espera —persoal de psicoloxía, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras sociais, podólogos ou ópticos-optometristas— e, por último, a posta en marcha dun plan de choque para rematar coas listas de espera.

Ler novas
Novas
Presentación de Sete Falares

Pontevedra celebra o Día Internacional da Narración Oral e ponlle data ao festival Sete Falares: entre o 8 e o 15 de xuño

Pontevedra, 20 de marzo de 2025. Antes da escrita as historias e o coñecemento atoparon na oralidade o xeito de conservarse e transmitirse, algo fundamental para a nosa evolución como sociedade a todos os niveis posíbeis. Así, o 20 de marzo, foi nomeado como o Día Internacional da Narración Oral, xesto que o Concello de Pontevedra quere compartir e facer partícipe da cidadanía.

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, sinalou que as administracións teñen a obriga de tratar con especial atención a narración oral, a forma literaria máis antiga que se coñece. "Aínda temos contos vivos que nacen antes de que o ser humano saia de África e se aventure noutros territorios, hai miles de anos", explicou. "Parécenos que a narración oral debe ser coidada por dous motivos fundamentais: por ser o primeiro achegamento que as persoas facemos á literatura; e por poñer ao mesmo nivel as creacións populares e as creacións académicas".

Manifesto narración oral 2025
Manifesto narración oral 2025

Pontevedra quere honrar esta narración oral, por iso dentro do Salón do Libro existe unha literatura oral decotío. "Facemos un esforzo evidente á hora de promover o festival Sete Falares, que este ano se celebrará do 8 a 15 de xuño", indicou.

Sete Falares converteuse nunha cita referencial dentro da Pontevedra, en boa medida grazas ao traballo da compañía Pavís Pavós, presentes na rolda de prensa, e coordinadores do manifesto que hoxe se publica ao redor desta data, da man de Ana Rodríguez, que pertence ao grupo de pandereteiras Leilía.

Pola súa banda, Tareixa Alonso explicou que esta celebración foi iniciada no ano 1991, en Suecia. Na Galiza comezou no ano 2021, da man de Sete Falares, o Festival Atlántica de Compostela e Noga (A asociación de Narración Oral de Galiza). "Desde aquela fixemos funcións de contacontos en distintos espazos, desde residencias a hospitais, tamén no cárcere... E si, no Salón do Libro, lugar que creo que podería ser o lugar onde máis contos se escoitan de todo o país".

Ler novas