Pontevedra renovará e mellorará a iluminación da Illa do Covo e da Xunqueira da Gándara

Pontevedra, 10 de abril de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou da saída a licitación o proxecto de mellora de iluminación dos parques da Illa do Covo e da Xunqueira da Gándara.
Trátase dunha actuación incluída dentro do Plan de Sostenibilidade Turística de Pontevedra (PSTD), financiados con fondos europeos Next Generation. O contrato mellorará a eficiencia enerxética destes espazos, mudando as luminarias actuais por luminarias LED, reducindo a pegada de carbono e rebaixando a contaminación lumínica, ao tempo que se instalan novos puntos de luz en determinadas zonas para evitar a penumbra.
Deste xeito, está contemplada a renovación da iluminación de todos os paseos perimetrais e centrais tanto da Illa do Covo como da Xunqueira da Gándara. Lores sinalou que se aproveitarán todos os elementos que poidan ser aproveitados para a súa reutilización nesta mudanza, como é o caso das farolas.
No caso da Illa do Covo melloraranse 102 luminarias, instálase unha liña de iluminación preto da escola infantil e tamén se mellora a iluminación nalgunhas pezas escultóricas. No caso da Xunqueira da Gándara renovaranse 35 luminarias, e substituiranse as liñas de alimentación soterradas, amais de se realizar a limpeza pertinente dos báculos. O aforro enerxético nestes espazos público estímase en 61.273 kw/ano.
O prazo de execución é de 3 meses, cun orzamento de 198.561,99 euros. Hai tres melloras valoradas en 20.000 euros: unha ampliación da liña do alumeado na Illa do Covo a través de Celso Emilio Ferreiro, a substitución de cinco columnas e as súas luminarias ao carón da canle do río e o traslado do cadro eléctrico da Xunqueira da Gándara.