Pontesán porá o foco na Información e desinformación sobre saúde e benestar, investigación e ciencia, coidados e hábitos saudables

Presentación de Pontesan
Presentación de Pontesan
Pontesán porá o foco na Información e desinformación sobre saúde e benestar, investigación e ciencia, coidados e hábitos saudables

Pontevedra. 7 de abril de 2025. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, presentou unha nova edición de Pontesan, que terá lugar os días 26 e 27 de setembro. A Feira de Saúde e Benestar de Pontevedra está recoñecida como “o maior evento socio-sanitario de Galiza e xa un referente no ámbito estatal”. Ao seu carón María Jesús Monterde, presidenta de CEDDD-Galicia, entidade co-organizadora do evento, e Aldara Fernández, responsable de Asistencia Sanitaria da Rede Galega de Promoción da Saúde do Sergas, “un aliado necesario neste proxecto e que vai máis aló, estendéndose a colaboración á Escola de Saúde Pública (ESP)”, apuntou Gulías. 

Pontesan porá o foco, na súa sexta edición, na Información e na desinformación, unha temática transversal que nos atinxe a todas e todos, tal e como dixo a concelleira de Benestar Social. Que información é de fiar e cal debe facernos sospeitar? Como valorar as novas sobre saúde, investigación e ciencia que aparecen nos medios e as redes sociais? A que canles acudir en busca de respostas ou axuda? Que consellos e hábitos seguir cando queremos mellorar o noso benestar? 

Con todo a temática central non deixará de lado os obxectivos que guían a Pontesan: sensibilizar sobre a importancia da saúde e o benestar; visibilizar as distintas discapacidades/diversidades e os retos que teñen por diante, promover a actividade deportiva e os hábitos saudables e reivindicar a equidade social e unha inclusión real, enumerou Anabel Gulías. Ademais, engadiu, “é un altofalante para reivindicar a sanidade pública”. 

E de sanidade pública tamén falou a presidenta de CEDDD-Galiza pero poñendo o foco na necesidade “de poñer en valor á Atención Primaria, un dos alicerces máis importantes do noso sistema sanitario, que precisa de máis recursos e apoio institucional para seguir desempeñando o seu papel fundamental”. María Jesús Monterde puxo un dato enriba da mesa: para atender aos algo máis de 2,7 millóns de habitantes de Galicia, había o pasado ano 2.604 médicos de familia, segundo datos do IGE. 

Non hai mellor escenario que Pontevedra, a cidade que coida das persoas, para acoller un evento como Pontesan, subliñou Anabel Gulías, quen lembra que a capital do Lérez é parte da Rede española de cidades saudables (RECs) desde o ano 2004. Un selo de calidade outorgado pola FEMP (Federación española de municipios e provincias), que conta co aval do Ministerio de Sanidade e cumpre as esixencias do programa Healthy Cities da OMS 

Preparativos en marcha 

Benestar Social, CEDDD-Galiza, Sergas, asociacións socio-sanitarias, clubs deportivos e administracións traballan nunha ampla programación de actividades lúdico-formativas, relatorios e debates que arroupará a parte expositiva de Pontesan. E neste ano, como novidade, ofertaranse visitas guiadas e actividades ah hoc para centros educativos e de maiores. 

Malia estar en proceso organizativo, vaise perfilando o programa, no que terá cabida debates e relatorios de temas como: Sexualidade na 3a Idade, sobre-medicación, enfermidades xenéticas, acoso escolar a nenos e nenas con discapacidade, o punto SIGRE (recollida de medicamentos), como presentar reclamacións sanitarias, etc... 

E tamén estará o Metrominuto e o Pasominuto, dúas iniciativas complementarias que amosan de xeito gráfico a aposta de Pontevedra por camiñar, por fomentar hábitos saudábeis... á hora de coidar das persoas. 

“A saúde é o ben máis prezado”, concordaron en destacar a concelleira de Benestar Social e a presidenta de CEDDD-Galiza. “Valorala, promovela e coidala é un traballo colectivo” subliñaron, no que asociacións socio-sanitarias, colectivos cidadáns, administracións e poboación social teñen que ir da man. Gulías e Monterde tamén concordaron ao definir a saúde como un todo: saúde alimentaria, física, medio-ambiental, social, psicolóxica e farmacéutica. 

Pontesán porá o foco na Información e desinformación sobre saúde e benestar, investigación e ciencia, coidados e hábitos saudables