Un punto limpo móbil percorrerá os barrios e parroquias de Pontevedra

Presentación do punto limpo móbil
Presentación do punto limpo móbil
Un punto limpo móbil percorrerá os barrios e parroquias de Pontevedra

Pontevedra, 7 de abril de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil responsábel da xestión de residuos, Xaquín Moreda, achegouse até a praza do Concello para coñecer de primeira man a proposta de módulo de punto limpo móbil que a veciñanza terá a súa disposición coa posta en funcionamento do novo contrato de residuos do municipio. 

“Estamos a falar dun punto limpo móbil que poderá ser levado cada día a unha localización distinta”, indicou o rexedor. “A idea é negociar coa empresa os lugares exactos para situalo e que a veciñanza poida facer uso del. Trátase dunha unidade que contará con dezasete puntos de recepción de materiais diferentes, incluíndo voluminosos”. 

Fernández Lores lembrou que o contrato terá a súa sinatura definitiva nun breve período de tempo, momento no que se iniciará a incorporación dos novos servizos que a empresa PreZero terá que dar ao concello. “Este en concreto é un servizo interesante para que a xente poida tirar esas pequenas cousas sen ter que ir até o punto limpo fixo situado no Campiño, como poden ser as tixolas ou o cableado inservible que temos na casa”. 

O calendario exacto de rotación deste punto limpo móbil, así como outros detalles máis específicos, será revelado unha vez entre en funcionamento, para que a veciñanza poida facer uso do mesmo e saiba da súa posición exacta cada día do mes. 

Un punto limpo móbil percorrerá os barrios e parroquias de Pontevedra