MÁIS DE 15.000 LUMINARIAS RENOVADAS EN TODO O CONCELLO

O concello de pontevedra mellora a iluminación en Lérez e no Burgo

Xaquín Moreda
Xaquín Moreda
O concello de pontevedra mellora a iluminación en Lérez e no Burgo

Pontevedra, 7 de abril de 2025. O concello de Pontevedra comeza a instalación da nova iluminación led na parroquia de Lérez e no barrio do Burgo. A empresa Setga, adxudicataria da obra cun orzamento de 1.357.555,87 euros, inicia a instalación pola zona do Cimbelo, para estenderse a toda a parroquia e, a continuación, abordar a parte urbana: o barrio do Burgo. 

Esta actuación permitirá mudar 1.397 luminarias e 29 cadros de luz, substituír postes danados e permitir un aforro no consumo do 62 %, o que permitirá pasar un consumo actual de 784.022kWh/ano a un de 295.309 kWh/ano, ademais de evitar a emisión de 254,62 tCO2/ano; unha redución considerábel da pegada de carbono. 

O ámbito de actuación comprende distintas zonas que van desde o Castelo ao Burgo, Fontaíña e Couso; Médico Ballina e Juan Bautista Andrade até Xoán Manuel Pintos e Domingo Fontán, praza de Pasarón, Rafael Areses e Alexandre Bóveda; ademais do campus ou a Xunqueira da Gándara. 

Iluminación Lérez
Iluminación Lérez

Ademais da evidente mellora lumínica, a proposta da empresa Setga permitirá cambiar 29 cadros de luz. No rural adoptarán a mesma forma dos xa instalados en Marcón, Mourente, Santa María ou Santo André de Xeve, entre outras parroquias. Son novos elementos, moito máis modernos, estéticos, seguros e con maior durabilidade. Posúen un maior hermetismo, unha notable mimetización coa contorna e estarán personalizados para a parroquia de Lérez, amosando unha imaxe emblemática a mesma. 

A respecto dos cadros da zona urbana, o barrio do Burgo, a Concellaría continuará coa proposta realizada na zona sur da cidade coa instalación de cadros da luz historiados que lembran lugares, personaxes, traballos do barrio..., recuperando así a memoria histórica do lugar. 

Mellora pola iluminación pública en toda Pontevedra 

Ao longo dos últimos anos, o Concello de Pontevedra mantivo unha aposta clara pola mellora da iluminación pública en todos os puntos do municipio, facendo actuacións de melloras en todas as parroquias, no polígono industrial, a avenida de Marín e PO-11, nos accesos á cidade, o barrio de Monte Porreiro, a zona centro ou a zona sur, entre outros puntos, sumando máis de 13.000 luminarias, cun investimento próximo aos 9 millóns de euros. Cos novos investimentos previsto serían máis de 10,5 millóns de euros. 

Nesta escolma non están contabilizadas as urbanizacións da ONCE, a variante de Montecelo, a rolda leste, o acceso aos Campos, ou reurbanizacións como Loureiro Crespo e o Castañal; actuacións coas que se superarían amplamente as 15.000 luminarias renovadas. Restaría por mudar unha pequena parte das parroquias de Tomeza e Salcedo, parte do centro (zona leste) e o centro histórico. 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos destaca a importancia de levar a cabo este tipo de medidas para mellorar a eficiencia enerxética, reducindo a emisión de CO2, mellorando a iluminación nos espazos peonís, aumentar a seguridade cidadá e a seguridade viaria, eliminar a luz intrusa nas vivendas, reducir a contaminación lumínica e apostar por axustar os ciclos vitais aos ritmos circadianos. 

O concello de pontevedra mellora a iluminación en Lérez e no Burgo