Pontevedra repón 101 árbores nas rúas dos barrios para mellorar a vistosidade e a imaxe da cidade

Pontevedra repón 101 árbores nas rúas dos barrios para mellorar a vistosidade e a imaxe da cidade

Pontevedra, 14 de abril de 2025.  A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, iniciou nestas semanas o proceso de retirada e reposición de novas árbores nas rúas da cidade. En total está previsto a plantación de 101 novos exemplares para substituír árbores enfermas, retiradas, partidas polos temporais ou repoñer as escavas que están baleiras en 18 rúas da cidade. Son 13 especies distintas que pretenden mellorar a imaxe e a vistosidade das rúas, ademais de ofrecer sombra no verán e deixar pasar a luz no inverno. 

Os traballos faranse en tres fases consecutivas: retirada de exemplares enfermos ou que non son acaídos para os espazos urbanos, eliminación do sistema radicular (tocón) e a posterior plantación doutro novo exemplar na mesma escava que serán suficientemente dimensionadas para que a nova árbore teña unha vida plena. 

Segundo os técnicos municipais, o momento máis acaído para realizar estes traballos é a primavera polo que dende hai unhas semanas comezouse coa retirada de árbores enfermas como no caso dos freixos da rúa Augusto García Sánchez que estaban nun estado sanitario moi deficiente ou cunha inclinación que os facía perigosos. O Concello acordou substituílos por motivos de seguridade xa que se trata dun parque moi transitado por peóns e vehículos. Xa están retirados e trabállase na eliminación do tocón, polo que nas vindeirase semanas plantaranse novos freixos mantendo así a imaxe e configuración destas rúas. 

Cerceiras en flor avenida de Lugo
Cerceiras en flor avenida de Lugo

Tamén se abordou a substitución de arborado inadecuado para as vías urbanas como no caso de Rodríguez Seoane e Losada Diéguez. Nestas rúas había ficus que son árbores de gran envergadura e que non perden a folla xerando molestias e queixas continuas do vecindario debido ao tamaño que acadan. Estas árbores non son apropiadas para rúas pequenas pois teñen un gran crecemento e obrigan a ser podadas constantemente cos riscos que supón. Ademáis, ao non perder a folla, tapan a entrada da luz e pérdese moita luminosidade nas beirarrúas e nas casas durante o inverno. 

Seguindo o criterio e traballo iniciado o ano pasado no barrio dos Salgueiriños e en Rafael Dieste, estes ficus están sendo substituídos paulatinamente por árbores mais apropiadas. Neste caso serán Magnolias Kobus que teñen un tamaño menor, son de folla caduca, teñen raíces pouco invasivas e dan flor en primavera aportando un maior valor estético e paisaxístico á rúa pois vai variando a súa imaxe ao longo do ano. 

Tamén se plantarán árbores nas escavas que están baleiras ben por ter sido vítimas de vandalismo como o caso dos Ligustrum da Cidade de Pedra que foron cortados polo pé ou ben porque son vítimas dos golpes dos coches como os Prunus serrulata da rúa Loureiro Crespo ou os Acer platanoides de Xosé Malvar. 

Tamén se reporán as árbores que partiron durante os temporais do inverno, fundamentalmente do Kirk. Están neste grupo o tilo da avenida de Marín, o metrosidero das Corvaceiras, os cornus de Praceres, entre outros. 

En definitiva, nas vindeiras semanas a Concellaría de Servizos urbanos básicos plantará máis de 100 novos exemplares de porte en todos os barrios da cidade para devolverlle a vistosidade ás rúas. 

Pontevedra repón 101 árbores nas rúas dos barrios para mellorar a vistosidade e a imaxe da cidade