Marga Caldas afea a Moldes que en dous anos de mandato non fixera ningunha xestión para unha actuación que o PP consideraba “urxente”

Marga Caldas
Marga Caldas
Marga Caldas afea a Moldes que en dous anos de mandato non fixera ningunha xestión para unha actuación que o PP consideraba “urxente”

O BNG de Poio vai esixir no vindeiro Pleno a construción dun novo parque infantil en Samieira. A voceira Marga Caldas presentará unha moción na que pedirá ao goberno do PP unha zona de xogos homologada e accesible e de tamaño e equipamentos axeitados para a veciñanza da parroquia. Así mesmo, a nacionalista reclamará que se promova un proceso de consulta pública para que as veciñas e veciños contribúan a decidir a localización máis axeitada así como os elementos a incorporar na nova área de esparexemento.

O grupo do Bloque sostén que Poio conta con varios parques municipais repartidos nas cinco parroquias que se foron rehabilitando, mellorando e coidando durante os últimos anos, pero que a solicitude do novo parque é “unha débeda histórica” da veciñanza da zona, xa que a superficie do parque infantil actual é pouca e non se axeita aos estándares e homologación vixentes. 

Lembra Caldas que en Samieira, onde o anterior goberno local liderado polo BNG investiu máis dun millón de euros no pasado mandato para construír unha senda peonil, recuperar a zona verde a carón do río e humanizar a zona do Arén, hai espazos naturais que poderían reconverterse nun espazo de lecer como o solicitado. Por isto insta ao goberno local a poñerse mans á obra, redactar un proxecto e executalo canto antes. 

Así mesmo, o Bloque destaca que en virtude dos principios de participación cidadá, cómpre que sexan as propias veciñas e veciños os que se pronuncien para axudar a elixir a localización máis axeitada para o parque, así como para facer propostas do tipo de elementos e das características dos materiais e pezas a instalar.

Caldas lembra que PP, cando estaba na oposición, fixo esta reclamación de maneira constante. No ano 2022, de feito, presentou unha moción ao respecto  asegurando que o parque do Arén resultaba insuficiente, polo que urxía a unha actuación integral. Ademais, insiste a voceira do Bloque, durante a pasada campaña electoral o PP comprometeuse tamén coa veciñanza a crear o mencionado parque infantil. 

“Dada a preocupación manifestada polo Partido Popular de Poio na súa etapa na oposición, demandando a urxente necesidade dunha zona de xogo en Samieira, este grupo municipal non entende que non se realizara ningunha xestión polo goberno municipal durante os dous anos do presente mandato,  a fin de dar debido cumprimento a unha solicitude demandada polo propio PP”, subliña nacionalista.

O Bloque insta a que o actual goberno local “cumpra coas súas obrigas e competenzas”,  e que proceda a dotar partida orzamentaria ou a solicitar previsión de  fondos da Deputación para esta obra, xa que encaixa coas iniciativas subvencionables polo departamento de Cooperación co Plan + Provincia. 

“A día de hoxe non temos constancia de que exista orzamento destinado a este proxecto Evidenciamos que esta demanda non entra nos plans do actual goberno, unha mostra das mentiras e promesas que usaron en campaña electoral e que agora non executan. Unha promesa incumprida do PP que amosa a incapacidade de xestión para gobernar Poio”, subliña Caldas, que volveu afear a Moldes o seu “chaqueteo” ao reclamar cousas cando estaba na oposición “para quedar ben coa xente e chegar á Alcaldía”  e agora “esquecelas totalmente” cando está no goberno. 

Marga Caldas afea a Moldes que en dous anos de mandato non fixera ningunha xestión para unha actuación que o PP consideraba “urxente”