A XXXVII Festa da Ostra supuxo un incremento do 30% na facturación da hostelería con respecto ao ano pasado

O alcalde Manu Lourenzo traballando no seu despacho
O alcalde Manu Lourenzo traballando no seu despacho
A XXXVII Festa da Ostra supuxo un incremento do 30% na facturación da hostelería con respecto ao ano pasado
Soutomaior, 11 de abril de 2025. A XXXVII Festa da Ostra de Arcade, que tivo lugar a pasada fin de semana, segue constatando que foi unha edición histórica. Unha semana despois do comezo da festa, os sectores hosteleiro e da restauración situados zona do Peirao e no núcleo urbano de Arcade, vinculados coa Ostra, fan balance máis que positivo do impacto deste evento que cada vez é máis multitudinario. Así a facturación nestes locais incrementouse de media aproximadamente un 30% con respecto ao ano pasado, cando xa se producira un importante incremento.

A Festa da Ostra supón un dos principais motores económicos e turísticos para Arcade, cun impacto e crecemento económico que non deixa de crecer. Non só para a hostelería e a restauración, senón que noutros sectores da economía local de Soutomaior, como poden ser as tendas e puntos de alimentación, os salóns de peiteado e de beleza e outros pequenos negocios, se deixa notar o impacto económico positivo da festa.

Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “o crecemento exponencial da Festa da Ostra susténtase en dous eixos de traballo moi claros. En primeiro lugar, escoitar a todos os sectores implicados, atendendo a cada pequeno detalle e maximizando a calidade do produto e do evento do que desfruta tanto a veciñanza como os visitantes. E en segundo lugar, facer que a Festa de Ostra sexa cada vez máis unha festa de prestixio nacional e estatal, un evento sostible e atrativo para as familias, o que nos permite chegar a máis público e mostrar que Arcade e Soutomaior é un sitio non só que visitar, senón que un concello que crece e que é atrativo para vivir nel”.

Así, sinalou que, tal e como lle trasladaron os hosteleiros e viticultores, esta edición da Festa da Ostra superou todas as expectativas e os records establecidos en anos anteriores. “A Ostra non ten só o valor de identificación e recoñecemento cultural, senón que tamén unha promoción dos produtos gastronómicos por excelencia do concello (a ostra de Arcade e o albariño de Soutomaior) e un importante revulsivo económico para Arcade”. Así, sinalou que coas primeiras estimacións realizadas tras falar co sector hosteleiro, cada euro investido polo Goberno de Soutomaior na Festa da Ostra supón 5 euros de facturación na economía local do noso concello.

O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “dende o Goberno de Soutomaior seguimos e seguiremos traballando para mellorar a Festa da Ostra e que cada ano que pase o impacto positivo para os veciños e veciñas do noso concello sexa maior”.

A XXXVII Festa da Ostra supuxo un incremento do 30% na facturación da hostelería con respecto ao ano pasado