Pontevedra recibe en Costa Rica o primeiro premio iberoamericano ao modelo de cidade

O premio resalta as mellores prácticas urbanas no ámbito da paisaxe urbana e Pontevedra "posicionada no ámbito internacional como referente en accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria o que aliña cos obxectvos do ICOUL que aposta por transformar as cidades como paradigma de desenvolvemento urbano sostible", explicouse durante a entrega do premio.
O premio foi entregado á tenente de alcalde Eva Vilaverde, previa actuación do grupo Lar Galego que tocaron distintas pezas galegas no acto como a Muiñeira de Chantada. De feito, a tenente de alcalde recoñeceu que "recoller este premio en Costa Rica coa muiñeira non ten prezo". Agradeceu a concesión do galardón tanto ao comité científico así como a organización "polo acollemento e o gran trato que nos teñen ofrecido nestes días".
"É un orgullo representar a Pontevedra cada vez que imos polo mundo, pero é certo que este premio ten un sabor especial porque é a primeira vez que recibimos un premio desta natureza en Iberoamérica", explicou Eva Vilaverde.
Indicou que a transformación da paisaxe urbana de Pontevedra "é importante porque responde ao axioma de que a cidade é a xente. E aí está a clave. Nós non somos técnicos, somos representantes públicos. Somos cargos públicos electos que estamos aquí para mellorar a vida das persoas", recordou Eva Vilaverde, quen concluíu que "o modelo urbano é consecuencia da vontade política dun grupo de persoas que quixeron cambiar as cousas, e iso é o que seguimos facendo".
"En 1999 cando o BNG chegou ao goberno, Pontevedra era unha cidade invivible, gris, triste e degradada. Era un almacén de coches. Sabiamos que a cidade podía ser outra cousa. Os pontevedreses e pontevedresas merecían e necesitaban outra cidade", explicou ao público, concluíndo que "democratizamos o espazo público" ao indicar que se aplicou "un dos conceptos máis innovadores" que é entender o espazo público como un dereito.
Recordou que "quedan moitos retos por abordar e seguiremos facéndoos mentres os veciños e as veciña o queiran. O importante son as persoas", e "esa mesma enerxía e ilusión é coa que recibimos este premio".