Soutomaior licita a reforma do campo de fútbol municipal Graciano Padín

Soutomaior licita a reforma do campo de fútbol municipal Graciano Padín

Soutomaior, 14 de abril de 2025. O Goberno de Soutomaior iniciou a pasada semana o proceso de licitación da reforma integral do peche exterior do campo de fútbol municipal Graciano Padín. Unha importante actuación coa que o Goberno local subsanará as numerosas eivas e desperfectos que o muro principal ten desde hai anos.

Para levar a cabo o proxecto, que foi redactado por InfoUrban, o Goberno de Soutomaior realizará un investimento de máis de 120.000 euros ao abeiro dos fondos extraordinarios de Infraestruturas Deportivas da Deputación Provincial. O proxecto tamén contempla o cambio das redes protectoras detrás de ambas as dúas porterías do campo e a renovación do actual sistema de rego.

Con esta actuación, o Goberno de Soutomaior avanza na segunda fase do arranxo do campo Graciano Padín. En 2024, xa investiu case 60.000 euros no arranxo do acceso principal ao recinto deportivo e en varias infraestruturas, así como 20.000 euros máis para a instalación dun sistema de aerotermia nos vestiarios, aforrando notablemente o consumo de combustible e mellorando a eficiencia enerxética. Así, unha vez se execute esta segunda fase da reforma integral do campo Graciano Padín, o Goberno de Soutomaior terá investido máis de 200.000 euros na adecuación do campo. 

 O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “grazas a este importante esforzo do Goberno de Soutomaior, o campo deixará de estar no século pasado e pasará a ser un recinto deportivo do século XXI, poñéndose á altura doutras instalacións deportivas municipais nas que tamén se están a realizar importantes actuacións”. Neste sentido destacou os 65.000 euros que o Goberno de Soutomaior realizou no campo de Salgueirón.

O alcalde sinalou que ambos os campos son empregado cada semana por preto de 500 rapaces e rapazas do noso concello e polas súas familias, que merecen unhas instalacións deportivas á altura. Ademais, cada fin de semana centos de persoas entre xogadores e xogadoras e seareiros doutras chegan a Soutomaior polos partidos que se xogan nos campos. É por iso que no Goberno estamos a realizar un gran esforzo para que tanto o Graciano Padín como o campo de Salgueirón sexan o vivo exemplo da transformación que estamos a realizar no concello”.

Manu Lourenzo tamén sinalou que “hoxe en Soutomaior fanse máis obras e investimentos ca nunca grazas a unha xestión económica referendada polos informes de intervención e secretaría, que nos vai permitir destinar máis de 3 millóns de euros en 2025 a investimentos en obras e proxectos. Esta é a transformación rural e urbana que o noso concello necesitaba e que estamos levando a cabo, sin aforrar esforzos e co claro compromiso de mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, concluíu o alcalde de Soutomaior.   

Soutomaior licita a reforma do campo de fútbol municipal Graciano Padín