O Concello de Pontevedra amortizará toda a súa débeda

Raimundo González
Raimundo González
O Concello de Pontevedra amortizará toda a súa débeda

Pontevedra. 28 de marzo de 2025. O edil de e Economía e Facenda, Raimundo González, ao dar conta da liquidación do ano 2024, e o estado actual dos orzamentos para o ano actual lembrou que o pasado luns foron aprobados en pleno os orzamentos para este ano 2025, polo que xa está en vigor, ascendendo a 98,63 millóns de euros. Ora ben, desde hoxe, esta cifra aumentará até preto dos 130 millóns de euros (+ 31 millóns de euros) logo de realizarse a liquidación do ano 2024. 

“Todas as obras que veñen do exercicio anterior, que estaban contempladas e cuxa licitación non comezou ou non rematou a súa execución, son prorrogadas e integradas nesta liquidación, como pode ser Rosalía de Castro ou o campo de Salcedo”, indicou o edil. “O novo orzamento pasa un chisco por riba dos 130 millóns e xa é firme e operativo”. 

Con relación ao ano 2024, González comentou que o superávit do exercicio foi de 15.159.000 euros, unha cantidade superior a doutros anos e que vén dada a un incremento substancial nos ingresos de xeito puntual. “Na práctica, estamos a falar dos fondos Next Generation, que fan anticipos e incrementan os ingresos de xeito espectacular, pois ingresaron da orde de 12 millóns de euros”, explicou. “Outra das cuestións é que cando orzamentamos as transferencias do Estado, fomos collendo as de anos anteriores, mais ao longo do exercicio chegou unha liquidación de máis de 7,4 millóns de euros”. 

“Oxalá fose estrutural, pero non o é, é algo puntual”, aclarou. “Porén, temos por un lado este superávit e por outro lado temos que a débeda permanece estable (6.990.000 euros). En resumo, cumprimos coas regras fiscais da famosa Lei Montoro: regra de gasto, estabilidade, límite de débeda, período medio de pago, etcétera». 

Perante todo isto, o edil quixo emitir a cuestión principal: Que imos facer con este remanente de tesouraría? “Imos amortizar toda a débeda do Concello para situala en débeda cero. Neste exercicio do ano 2025 pase deses seis millóns a cero. Esa é a decisión política que tomamos. Temos unha situación cuns ingresos extraordinarios que o permite e así os utilizaremos”, indicou. 

González lembrou que o Concello xa se atopaba nunha moi boa situación financeira neste ámbito, habendo cidades ou vilas coma Viveiro, Santiago de Compostela ou A Coruña con débedas superiores. 

Esta situación de débeda cero no Concello de Pontevedra será algo inédito na historia contemporánea e democrática da administración local. 

O Concello de Pontevedra amortizará toda a súa débeda