TÍÑASE CONVERTIDO NUNHA ILLA DE TRÁFICO
Pontevedra mellora a seguridade na contorna do parque infantil do Campo da Torre

Pontevedra, 28 de marzo de 2025. O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda explicou que os traballos que se están a realizar no Campo da Torre son para garantir a seguranza dos peóns, tanto da veciñanza como de todos os que se achegan a gozar do novo parque infantil, tal e como falou coa asociación de veciños.
A raíz da ampliación do parque infantil, o espazo quedara un tanto inconexo e inseguro porque hoxe en día o parque funciona a modo de Illa de tráfico no medio da praza e está totalmente rodeado por coches, o que supón bastante inseguridade na zona.
"Como no resto da cidade, o obxectivo é a seguridade viaria e a mobilidade amábel", indicou Xaquín Moreda que confirmou que se está facendo unha actuación por fases. Hai unhas semanas xa se melloraron as beirarrúas, creouse un espazo de estancia unindo o parque infantil coa área pegada á praza de Touros e nestes días estanse pintando pasos de peóns para mellorar estes percorridos adaptados, ademais de fixar zonas de prohibición de estacionamento diante do acceso ás vivendas unifamiliares do final da praza. No futuro tamén se instalarán pasos de peóns elevados.