UN FORMATO FARÍA MÁIS VIABLE A SÚA GRATUIDADE

O BNG lamenta o “erro histórico” de non ter feito un aparcamento en superficie para o novo hospital de Montecelo

Pleno da Deputación
Pleno da Deputación
O BNG lamenta o “erro histórico” de non ter feito un aparcamento en superficie para o novo hospital de Montecelo

Pontevedra, 28 de marzo de 2025. O BNG lamentou hoxe na Deputación o “erro histórico” de non ter feito un aparcamento en superficie para o novo hospital de Montecelo, xa que ese formato faría máis viable que fose de balde. Así o manifestou hoxe o voceiro nacionalista César Mosquera, quen subliñou que esa proposta foi defendida dende o primeiro momento polo Concello de Pontevedra, pero “perdeuse non se sabe onde”.

O voceiro do grupo do Bloque fixo estas declaracións apoiando a petición de gratuidade do novo estacionamento en altura. Lembrou que era previsible que o ‘parlking’ fose de pago xa que a Xunta, que inicialmente tamén aceptaba o aparcamento en superficie –cuxa construción era moito máis económica-, quixo deixar aberta a configuración da construción e posteriomente  non atendeu as insistentes solicitudes do alcalde Fernández Lores. “Houbo un erro de inicio por non facelo en superficie e de algunha maneira haberá que subsanalo agora”, indicou Mosquera. 

O nacionalista quixo poñer en valor que, a pesares de non ter conseguido o aparcadoiro solicitado, a forza e as negociacións feitas polo Concello de Pontevedra si serviron para conseguir que o novo hospital sexa público, a diferencia de Vigo co Álvaro Cunqueiro. “Reconducimos o hospital privado en Monte Carrasco e pactamos o que tocaba, un hospital público que hoxe ten as obras avanzadas. (...) Salvamos o hospital como unha dotación pública, o estacionamento lamentablemente quedou aberto”, recoñeceu, para engadir que “ao  pedir todos nos vimos arriba,  pero á hora de dar trigo é outra cousa”.

Por outra banda, e despois de tratar outros puntos, o BNG decidiu abandonar o Pleno da Corporación provincial como protesta polo abuso do goberno de Luís López ao querer impoñer a moción do PP sobre  Balaídos como primeira no debate nos puntos incluídos fóra da orde do día. 

O voceiro César Mosquera pediu explicacións ao presidente e afeou que non respectase a orde de entrada dos textos dos grupos políticos no Rexistro como habitualmente se fai en todas as sesións para establecer quen fala primeiro.

O contratempo produciuse cando o presidente deu a palabra á vicepresidenta Luísa Sánchez para xustificar a urxencia da moción presentada polo PP sobre a exclusión de Balaídos como sede do Mundial. Entón comezou unha ‘tangana’ porque tamén había unha moción do PSOE que constaba se presentara con anterioridade. Sorprendentemente, ningunha das dúas iniciativas estaba subida á plataforma dixital onde terían que estar, cos seus correspondentes días e hora de rexistro.

A pesares de que formalmente segundo o regulamento o presidente ten a potestade de decidir cal é a orde das mocións, o BNG considerou o movemento do PP unha estratexia pouco elegante para dar máis importancia á súa proposta. Tras pedir explicacións, que foron desoídas, Mosquera e o resto do grupo nacionalista decidiron levantar e marchar ante o desorde xeral e o cruce de acusacións que continuaba nese momento entre o PP e o PSOE. 

O BNG lamenta o “erro histórico” de non ter feito un aparcamento en superficie para o novo hospital de Montecelo