Pontevedra inspecciona as pontes de titularidade municipal que cruzan o Lérez

Pontevedra, 31 de marzo de 2025.O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá in situ os traballos que se están a realizar a través do contrato de inspección da seguridade e condicións de mantemento das pontes de titularidade municipal que cruzan o río Lérez, así como doutras estruturas urbanas no espazo público.
A empresa Enmacosa Consultoría Técnica foi a gañadora do concurso realizado no seu día, e que conta cun orzamento próximo aos 350.000 euros. “Trátase dun fondo estudo das pontes, pontellas, postes altos, estruturas de aparcadoiros con praza pública na superficie... É un estudo realmente amplo que serve para ter documentados todos estes elementos”, explicou o alcalde. “É realmente un contrato pioneiro e unha aposta fonda pola seguridade cidadá, do mesmo xeito que o foron no seu día as inspeccións técnicas que se contratan para as atraccións da Peregrina e o Santiaguiño”.
O traballo que está a realizar Enmacosa Consultoría Técnica para catalogar e avaliar o estado de elementos e estruturas singulares do Concello de Pontevedra, entrou nunha nova fase apoiado en voos de dron das principais pontes municipais da cidade, as seis que cruzan o río Lérez e a pasarela peonil da Illa do Covo.
Esta inspección inclúe tamén un levantamento topográfico 3D de alta resolución, con integración de tecnoloxía láser escáner e fotogrametría terrestre e aérea, co obxectivo principal de facilitar aos técnicos a análise destas pontes para avaliar o seu estado e detectar ou anticiparse a posibles patoloxías.
As sete pontes son a Ponte das Palabras, Balcón do Lérez, Ponte peonil da Illa do Covo, Ponte dos Tirantes, Ponte de Santiago, Ponte do Burgo e Ponte das Correntes.
Paralelamente, Enmacosa xa completou a fase de inventariado deste exhaustivo traballo e a inspección básica. En total existen uns 800 elementos xa catalogados, entre noiros, muros de reforzo ou contención de máis de 3 metros de altura, pasos inferiores ou superiores con luz de máis de tres metros, forxados que soportan cargas de uso dentro dun espazo público e outras estruturas susceptibles de causar incidencias graves, como mastros de gran altura. Unha completa información sobre estas infraestruturas, incluíndo tipoloxía, imaxes ou xeorreferencia, está en proceso final de carga a unha aplicación dixital creada por Enmacosa para facilitar o seu manexo polo persoal técnico municipal.