VENRES 11 DE ABRIL NA TAFONA
Cartel de luxo no "Kalidas Primavera Festival"

O Concello de Caldas de Reis prometía un cartel de luxo para o ‘KALiDAS Primavera Festival’ que se vai celebrar o vindeiro venres 11 de abril e cumpriu. A Tafona será o escenario das sesións dos DJ de máis tirón na noite galega, tamén con figuras de renome no ámbito internacional: actuarán Taydleón, Dumore, Groove Amigos, Carlos López, Pitty e Marcos Gramola.
A xornada comezará sobre as 10.30 da noite no recinto pechado do aparcadoiro, que este ano estreará espazo de acceso a través da Praza do Camiño. Dada a alta calidade da programación e que a entrada é de balde, o Tenente de Alcalde Manuel Fariña agarda un éxito de convocatoria. Agarda o nacionalista que esta segunda edición sirva para que o ‘Kalidas’ se consolide como unha referencia no calendario de festivais galegos, nos que as sesións DJ están a tomar un importante protagonismo.
A cabeza de cartel do ‘Kalidas’ será a canaria ‘TayDLeón’, DJ residente no clube ‘Opium’ de Barcelona, un dos locais máis icónicos da cidade condal que é incluso destino turístico pola súa programación de calidade. Esta moza, cun estilo propio moi recoñecible, ten xa un nome traballado na escena internacional, pinchando en citas de grande nivel.
Pola súa banda, Paolo Dumore é un artista vigués cunha traxectoria de 20 anos no mundo dos DJ que ten medrado moito na noite galega. Ten firmado co selo ‘We love Asere’, a compañía de Juán Magán, a quen ten recoñecido admirar, e pinchado en salas como Rougue, Hard Rock Ibiza, Pelícano, Diva, Metropol, Anubis ou Katedral.
Pola súa banda, Groove Amigos, unha parella de dj formada por Pau D’Afonso e André Vázquez, vai repetir no escenario do ‘KALiDAS’ despois da gran acollida de 2024. Entre os dous suman moitas horas de playlists nas mellores e máis importantes cabinas e festivais de toda a península, compartindo cartel con grandes artistas como Kurd Maverick, Kika Lewis, David Penn, Dj Chus ou Wally Lopez. Mesmo chegaron a traspasar fronteiras para levar o mellor da súa maleta a países como Francia ou Estados Unidos.
Finalmente, estarán sobre o escenario Carlos López (A Estrada) e DJ Pitty (O Porriño) pinchas máis locais cunha gran proxección e recoñecemento. Tamén estará Marcos DJ Gramola (Vigo), que é coñecido por se embarcar en aventuras como bater o Record Guinnes poñendo música 244 horas sen parar e tamén por traballar nun local mítico de Vigo como ‘La Caverna’.
O responsable de Festas Manuel Fariña lembra que o ‘Kalidas’ será toda unha “festa” e chama á veciñanza e á xente de fóra de Caldas a achegarse para pasar unha xornada de música “e bo rollo” que seguro se prolongará durante a noite. “Moi probablemente A Tafona quede pequena”, asegura.