cultura
Novas
Presentación de Sete Falares

Pontevedra celebra o Día Internacional da Narración Oral e ponlle data ao festival Sete Falares: entre o 8 e o 15 de xuño

Pontevedra, 20 de marzo de 2025. Antes da escrita as historias e o coñecemento atoparon na oralidade o xeito de conservarse e transmitirse, algo fundamental para a nosa evolución como sociedade a todos os niveis posíbeis. Así, o 20 de marzo, foi nomeado como o Día Internacional da Narración Oral, xesto que o Concello de Pontevedra quere compartir e facer partícipe da cidadanía.

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, sinalou que as administracións teñen a obriga de tratar con especial atención a narración oral, a forma literaria máis antiga que se coñece. "Aínda temos contos vivos que nacen antes de que o ser humano saia de África e se aventure noutros territorios, hai miles de anos", explicou. "Parécenos que a narración oral debe ser coidada por dous motivos fundamentais: por ser o primeiro achegamento que as persoas facemos á literatura; e por poñer ao mesmo nivel as creacións populares e as creacións académicas".

Manifesto narración oral 2025
Manifesto narración oral 2025

Pontevedra quere honrar esta narración oral, por iso dentro do Salón do Libro existe unha literatura oral decotío. "Facemos un esforzo evidente á hora de promover o festival Sete Falares, que este ano se celebrará do 8 a 15 de xuño", indicou.

Sete Falares converteuse nunha cita referencial dentro da Pontevedra, en boa medida grazas ao traballo da compañía Pavís Pavós, presentes na rolda de prensa, e coordinadores do manifesto que hoxe se publica ao redor desta data, da man de Ana Rodríguez, que pertence ao grupo de pandereteiras Leilía.

Pola súa banda, Tareixa Alonso explicou que esta celebración foi iniciada no ano 1991, en Suecia. Na Galiza comezou no ano 2021, da man de Sete Falares, o Festival Atlántica de Compostela e Noga (A asociación de Narración Oral de Galiza). "Desde aquela fixemos funcións de contacontos en distintos espazos, desde residencias a hospitais, tamén no cárcere... E si, no Salón do Libro, lugar que creo que podería ser o lugar onde máis contos se escoitan de todo o país".

Ler novas