DO 22 AO 25 DE MAIO NA PRAZA DA FERRARÍA
En marcha a 3ª edición de BDra Gráfica

Pontevedra, 18 de marzo de 2025. BDra Gráfica, o festival da banda deseñada de Pontevedra organizado conxuntamente por O Garaxe Hermético e Concello de Pontevedra, celebrarase os vindeiros días 22 a 25 de maio.
Kiko da Silva, director do festival, e Demetrio Gómez, concelleiro de Dinamización Socio-cultural, reuníronse onte con representantes das librarías de Pontevedra para anunciar os primeiros pasos da organización deste evento que debe adiantar a súa celebración para non coincidir co Campionato do Mundo de Triatlón Multideporte nas rúas da nosa cidade.
Os organizadores informaron na xuntanza de logo de barallar diferentes posibilidades para manter as datas do ano pasado, ningunha delas permitiría que todas as actividades se desenvolvesen nun mesmo espazo polo que se optou polo adianto desta edición. Deste xeito, a praza da Ferraría volverá acoller o espazo das librarías e editoriais xunto coas presentacións de libros, asinaturas de autores e autoras e demáis actividades.
Neste ano 2025, BDra Gráfica chega á súa 3a edición para consolidarse como unha referencia da banda deseñada na Galiza, con proxección internacional e aproveitando toda a potencialidade de Pontevedra, que conta coa escola profesinal como O Garaxe hermético e editoriais e librarías especializadas xunto con autoras e autores de referencia.