Pontevedra pisa o acelerador a menos de tres meses do Multisport

Pontevedra, 18 de marzo de 2025. “O reto ao que se expón Pontevedra diante deste Mundial Multisport é Pontevedra mesma, pois o campionato celebrado na cidade en 2019 continúa sendo o referente desta competición”. Son as palabras do presidente da Federación Española de Tríatlon, Manuel Hidalgo, tras a reunión do Comité Organizador do Evento celebrado no concello.
Unha reunión na que o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, agradeceu a implicación de todas as institucións e confiou na achega de todas elas para cubrir os case tres millóns de euros que implica o evento, cuxa importancia excede a propia cidade para abranguer toda a provincia e Galiza enteira. Boa parte das 15.000 visitas previstas han de aloxarse e vivir noutros municipios durante algún dos 12 días que duran as competicións.
Un evento que, a pesar da subida dos prezos nestes anos, mantén as mesmas tarifas que en 2019 e que se atopa á espera de que se incorporen algúns patrocinadores para mitigar o investimento público, xustificado pola prevista afluencia de deportistas, acompañantes e espectadores así como pola importante proxección pública da marca Pontevedra e Galiza.
Se en 2019 as inscricións cubrían o 40% do orzamento, estímase que este ano, debido ás variacións económicas, non cheguen a cubrir 25 de cada 100 euros de investimento.
Foi precisamente o presidente da Fetri, Hidalgo, quen fixo referencia á auditoría encargada de avaliar a transcendencia económica do pasado mundial de Torremolinos, que cifrou nun impacto de 44 millóns de euros na economía real da zona, ademais dos 22 millóns que se estiman de proxección mediática da cidade.
Hidalgo repetiu, como é habitual, que Pontevedra é o centro internacional deste deporte en España, que aquí se senten como na casa e que o Multisport será dos poucos acontecementos deportivos de ámbito mundial que se celebran no estado neste 2025, ano postolímplico. Tamén puxo en valor que Pontevedra pase a ser a sede de adestramentos do equipo estatal de tríatlon, con Javi Gómez Noya como adestrador.