Soutomaior pon a punto o campo de Salgueirón co arranxo do alumeado e o rego e o asfaltado do acceso

Soutomaior, 18 de marzo de 2025. O Goberno de Soutomaior está a levar a cabo a posta a punta do campo municipal de fútbol de Salgueirón. En concreto, procedeuse a renovar os sistemas de rego e alumeado, así como determinadas tarefas de mantemento, por un importe cercano aos 10.000 euros.
Ademais, tamén está previsto que nos vindeiros días se leve a cabo o asfaltado completo da zona de aparcadoiro e acceso ao campo de fútbol. Só neste asfaltado o Goberno de Soutomaior realizará un investimento de 20.000 euros.
Ademais, o Goberno de Soutomaior substiuíu o ano pasado as obsoletas caldeiras de gasoil do campo por un sistema de aerotermia máis eficiente a nivel enerxético e moito máis económico para as arcas municipais, xa que se reduciu notablemente o consumo de combustible. Para levar a cabo a instalación da aerotermia no campo de Salgueirón, o Goberno de Soutomaior investiu outros 35.000 euros.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estes investimentos teñen por obxectivo corrixir os problemas detectados polo Concello na instalación deportiva e os trasladados pola directiva do CD Arcade, coa que mantemos comunicación constante e fluída. Trátase dun campo no que cada día adestran centos de rapaces e rapazas e que reúne cada fin de semana a equipos e familiares de aquí e doutros concellos da contorna, polo que as instalacións de Salgueirón teñen que estar nas mellores condicións”.
O alcalde tamén sinalou que o Goberno segue traballando de cara ao futuro para realizar máis investimentos e actuacións no campo de Salgueirón e nas demais instalacións deportivas municipais. Para poder levar a cabo estes investimentos e en xeral todos os investimentos que se están a levar a cabo nos barrios, Manu Lourenzo destacou a boa saúde económica na que se atopa hoxe Soutomaior, referendada polos informes de intervención e secretaría ao peche da liquidación de 2024.
Neste sentido, o alcalde sinalou que “hoxe Soutomaior é un concello coas contas saneadas, cun aforro próximo aos 2 millóns de euros e que en 2025 terá a súa disposición máis de 3 millóns de euros para investimentos en obras e proxectos nos barrios do noso concello, cos que mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”.