DO 21 DE MARZO AO 6 DE ABRIL

Un Salón do Libro con máis de 300 actividades para todas e todos

Rolda programa Salón
Rolda programa Salón
Un Salón do Libro con máis de 300 actividades para todas e todos

Pontevedra, 11 de decembro de 2025. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez presentou acompañado de Orbil, un programa do Salón do Libro “que medrou tanto que xa non cabe no Pazo e o Recinto. Fixemos moitos esforzos para completar un programa tan chulo coma este e tamén con aspectos de mellora a nivel de inclusión e accesibilidade. Hai tempo que temos lingua de signos pero imos signar a inauguración e a clausura e algunhas actividades. Queremos que todas e todos teñan acceso en igualdade de concidións ao Salón do Libro polo que en colaboración coa ONCE, imos ter máis libros en braille, información sobre os espazos en braille e con pictogramas, en colaboración coa asociación BATA. Haberá tamén auriculares para redución de ruído para as persoas que os precisen así como un espazo tranquilo e un espazo de lactancia no 1º andar. Mantense a colaboración con entidades que nos visitan cada ano como BATA, Down Pontevedra, Amencer – Aspace, BATA, TDAH Salnés, Xoan XXIII e todas as entidades que permiten que o Salón chegue as persoas máis diversas e con necesidades específicas”. 

Este ano fíxose un esforzo a nivel de programación: a maiores das máis de 150 actividades que hai no programa, haberá outras tantas en horario de mañá concertadas con centros de ensino de infantil, primaria e secundaria de perto de 40 centros colaboradores e tamén para os visitantes, que en total serán perto de 70. Participarán en visitas guiadas, obradoiros, contacontos, espectáculos, encontros con autoras, etc. 

Tamén medra o programa das tardes e fin de semana con outras 150 actividades que se poden consultar no web salondolibro.gal onde estará tamén aberta a inscrición para aquelas actividades que o precisan. 

A programación vai contar con 14 espectáculos de estrea absoluta moitos deles deseñados en exclusiva para o Salón, tamén hai moita presencia de Franza e a Bretaña, da súas linguas e literaturas e cultura, con actividades creadas para o Salón por persoas francesas afincadas na Galiza. 

A programación sairá tamén do Pazo, chegando á Libraría Paz, o Verbena Bar, o Mercado, Mugartegui.. “porque queremos medrar tamén no rango de idades. Hai moitas máis actividades que outras anos para bebés porque tiñan moita demanda, pero polo outro rango de idade, temos tamén moitas máis actividades para público adulto con faladoiros VIP con Ledicia Costas, Consuelo Vercher, etc. as Soirée de poésie no Verbena e Paz, un obradoiro de danza Bretona, os Contos da Revolución: de Neira Vilas a Brassens en colaboración con A Pedreira e incluso unha cata de viños en Mugartegui”. 

A maiores do esforzo a nivel programación hai un esforzo loxístico, xa que se replantexaron algúns espazos do Salón, reubicando o escenario do Recinto Feiral, ampliouse espazo de merendas, mellorouse o espazo de contacontos, e cambiáronse algunhas cousas para que o Salón funcione mellor e o público que asiste estea máis cómodo. 

O Salón contará este ano con moitas visitas especiais como a de Marceline Loup Ponte... nas ondas!, a Troca de Libros, as escolas de Ciencias da Educación de Galiza, o IES Illa da Ons de Bueu co espectáculo ‘Miserábeis’, o IES Valle Inclán que vai representar co seu alumnado Le Petit Prince co alumnado de francés, Bibo Palula, a serie de animación en galego, o MUVI, e o CMUS Manuel Quiroga, o coro García Limeses, o RockLab, a Orquestra Sinfónica, a Banda de Música de Pontevedra, etc. “O Salón vai recibir a moitísimas entidades que nos axudan a que sexa cada día mellor”. 

O Salón celebrará tamén o día da Narración Oral, o Día Mundial do Teatro, o Día das Artes Galegas, o Día Internacional do Libro Infantil cos Premios Lazarillo, ou os 130 anos da invención do cinema. 

“Haberá un set de grabación de pelis piratas no Recinto e o máis importante, unha biblioteca con máis de 4000 libros en galego pero en outros idiomas que este ano incorporarán os libros en francés ou traducidos do francés para que os nenos e nenas poidan ler alí ou levar en préstamo para casa”. 

Antes de rematar o concelleiro enumerou as 17 exposicións que formarán parte da ambientación do Salón entre as que destacou a de homenaxe á figura dos tradutores Isabel Soto e Xavier Senín, o universo Astérix do Garaxe Hermético, ‘Unha libra de libros libres’ de Ana Seoane, as pelis de OQO, ‘Cousas de libros’ de Manuel Lourenzo, o ‘Universo Chaplin’ da autora do cartel, Nuria Díaz e como non, os traballos escolares do centros de ensino colaboradores. 

“Hai que revisar o programa, ler con acougo porque o máis importante é que este ano o Salón medra para que todos e todas teñamos acceso libre e en igualdade a estas maravillosas actividades sen importar a nosa condición nin a nosa idade. Temos que seguir sendo nenos e nenas toda a vida e desde o Salón estamos dispostos a axudar a que sexa así”, rematou o concelleiro. 

Un Salón do Libro con máis de 300 actividades para todas e todos