Pontecesures celebra o primeiro mes do seu centenario con actividades que sacarán á luz a relación entre Cerámica Celta e Castelao

Maite Tocino, alcaldesa de Pontecesures
Maite Tocino, alcaldesa de Pontecesures
Pontecesures celebra o primeiro mes do seu centenario con actividades que sacarán á luz a relación entre Cerámica Celta e Castelao

Pontecesures, 23 de xaneiro de 2024. Elaborar unha cerámica galega con identidade propia, forte e con proxección seguindo as novas tendencias e avances técnicos. Esa era a idea coa que se creou Cerámica Celta a principios do século XX, e agora o Concello de Pontecesures quere lembrar aquela iniciativa creada nunha vila próspera e emerxente para conmemorar o seu centenario. 

O goberno local liderado por Maite Tocino vén de organizar unha programación na que, entre outras iniciativas, cada un dos meses deste ano estará dedicado a poñer en valor unha temática sobre a historia local. Neste mes de xaneiro o protagonismo recaerá sobre a Cerámica Celta, un proxecto empresarial que supuxo un escaparate para a cultura galega que tiña como máximo valor a recuperación do patrimonio cultural grazas a artistas e persoeiros novos e consagrados como Maside, Acuña, Bonome, Sobrino, Torres, Sexto ou Castelao, quen se implicou artística e persoalmente no proxecto ceramista. 

Precisamente, sobre a relación entre Castelao e Cerámica Celta versará o primeiro faladoiro de ‘100 anos Pontecesures. Anacos da historia’, que reunirá á alcaldesa de Pontecesures xunto coa neta do impulsor ceramista Ramón Diéguez, Fina Diéguez, ao presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, ao investigador das fábricas de cerámica e as telleiras no Baixo Ulla, Alejandro F. Palicio, e a artista local Elena Vidal. Será o venres 31 de xaneiro ás oito da tarde na Biblioteca Municipal, con entrada libre ata completar cabida. 

Na charla porase de manifesto que foi o médico da vila, Víctor García, quen puxo en contacto a Ramón Diéguez con Castelao, con quen coincidira estudando Medicina e compartira faladoiros na coñecida casa de comidas ‘Casa Castaño’. O nacionalista pasará a ter unha implicación directa e persoal na Cerámica Celta, debuxando e aconsellando aos mozos artesáns, e incluso modelando coas súas propias mans unha peza, ‘O Cabrito’, e deixando numerosos debuxos para facer creacións baseadas nos seus deseños, chegando a ser a firma un “escaparate” das súas obras cun estilo orixinal e xenuíno. 

Explica a alcaldesa Maite Tocino que a intención é aproveitar o ano Castelao e o seu 75 cadobano co centenario da vila para aunar ambos temas: “O que pretendemos é poñer en valor tanto a nosa historia como vila como tentar transmitir ese coñecemento ao público en xeral, para que a nosa historia non se perda e sexa motivo de orgullo para todas e todos nós”. 

Outra das iniciativas dentro da programación do centenario será un obradoiro de artes plásticas que chama ás cesureñas e aos cesureños “a conectar coa súa creatividade”. O taller pretende achegarse tamén á historia da Cerámica Celta e á obra das e dos artistas que participaron nela de maneira práctica,“inspirándonos nas súas creacións” para elaborar unha figura propia de arxila. 

O obradoiro terá lugar o sábado 1 de febreiro de 16.30 a 18.30 no semisoto da Casa do Concello. As prazas -dirixidas tanto a público adulto como a crianzas- son limitadas, polo que se require inscrición nas oficinas do Concello. A actividade contará cunha facilitadora titulada en Belas Artes e acreditada en Arteterapia. 

Pontecesures celebra o primeiro mes do seu centenario con actividades que sacarán á luz a relación entre Cerámica Celta e Castelao