O BNG denuncia que última licitación publicada polo goberno municipal incumpre novamente a Lei de Contratos do Sector Público

O BNG denuncia que última licitación publicada polo goberno municipal incumpre novamente a Lei de Contratos do Sector Público

Valga, 22 de xaneiro de 2025. O BNG denuncia que a última licitación publicada polo goberno municipal de Valga para a execución dunha obra incumpre novamente a Lei de Contratos do Sector Público. 

O 17 de xaneiro de 2025 o Concello de Valga publica no portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación para a obra “Continuidade de senda peonil e reorganización de cruce Carballiño-Sixto. Xanza”. Este contrato ten por obxecto “a continuidade da senda peonil, así como a reorganización do cruce Carballiño-Sixto ca finalidade de mellorar a seguridade e accesibilidade dos peóns que se ven obrigados a descorrer a miúdo pola estrada”, cun orzamento base de licitación de 116.042,61 euros. 

O prego de cláusulas administrativos particulares fixa nos criterios cuantificables automaticamente varias mellora, outorgándolle a metade dos puntos totais da licitación. Estas melloras consisten en 16 unidades de obra, das cales 15 están xa definidas no proxecto técnico asinado polo arquitecto municipal e nos pregos de condicións técnicas, polo que se está incumprindo o artigo 147.7 da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público. Deste xeito, estaríase valorando a realización dun maior volume de obra da prevista en proxecto e no contrato polo prezo de licitación ofrecido, tendo en conta que os contratos de obras refírense á execución dun proxecto que definirá con precisión o obxecto do contrato, sen que sexa posible referir as ofertas a un maior volume de obras comprendidas nas melloras. 

"Esta non é a primeira vez que unha licitación realizada polo goberno municipal contén irregularidades", denuncia o portavoz municipal do BNG, Fran Devesa. En xuño de 2024, o Concello de Valga veuse na obriga de anular un concurso por irregularidades nas bases e infrinxir a Lei de Contratos do Sector Público, tras un recurso interposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. 

En decembro de 2024, o BNG de Valga denunciou que a nova licitación do servizo de limpeza dos edificios e instalacións municipais do Concello de Valga non fixaba ningún criterio para determinar o carácter desproporcionado do prezo ofertado e tampouco parámetros obxectivos que sinalen unha anormalidade respecto da totalidade da oferta. 

O responsable da redacción dos pregos de cláusulas administrativas de todas as licitacións municipais é o despacho de avogados Martín Gómez Abogados, S.L.U., o actual adxudicatario do servizo de asesoría xurídica municipal, o mesmo ao que o Concello de Valga abonou os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde e ao secretario, malia que este servizo ten incluída a defensa xurídica. 

Unha vez máis, o goberno municipal do Partido Popular de Valga redacta uns pregos de condicións para unha licitación que incumpren a Lei de Contratos do Sector Público, coa inseguridade xurídica e administrativa que isto supón, afectando negativamente á calidade das ofertas presentadas polas empresas, e finalmente, á execución final da obra. 

O BNG denuncia que última licitación publicada polo goberno municipal incumpre novamente a Lei de Contratos do Sector Público