Lores remite unha carta ás alcaldías afectadas pola peaxe da AP-9 entre Pontevedra e Vigo co fin de crear un documento conxunto á hora de solicitar a liberación deste treito
Xunto a esta carta, o rexedor adxuntaba tamén un borrador do documento conxunto que no futuro será remitido co fin de solicitar a desaparición desta peaxe. “Queremos que sexa un texto colectivo, polo que solicito que os alcaldes e alcaldesas fagan as suxestións e as achegas que consideren”, explicou Lores.
No borrador, arguméntase a liberación deste treito en base a tres argumentos principais:
- A existencia dunha área metropolitana, xunto co Morrazo e demais concellos de arredor, que xera unha estreita relación a través da economía, das relacións laborais, da Universidade, do turismo, da cultura e o lecer ou das propias cuestións administrativas derivadas de ser capital de provincia, etcétera.
- Carecer dunha alternativa libre de peaxe entre Pontevedra e Vigo realmente digna para os parámetros actuais.
- A fonda asimetría que hai entre Morrazo e Vigo, que teñen subvencionada a conexión entre ambos os dous espazos, mais non así a conexión con Pontevedra, o que semella un agravio comparativo
Borrador da carta remitida polo alcalde de Pontevedra
“Quero saber que opinan os alcaldes e alcaldesas da zona e se se queren sumar a esta petición de gratuidade”, indicou. “Non queremos menoscabar a reivindicación da liberación de peaxe de toda autoestrada, por suposto, nin dos avances que se teñen feito ao longo dos últimos anos a través das bonificacións para usuarios e usuarias recorrentes”.