Pontevedra avanza na creación do seu Centro Internacional de Creatividade

Pontevedra avanza na creación do seu Centro Internacional de Creatividade

Pontevedra, 23 de xaneiro de 2025. O edil de Cultura, Demetrio Gómez, realizou unha visita ao edificio do antigo conservatorio situado na rúa Alfonso XIII, e que avanza na súa reforma integral para se converter no Centro Internacional de Creatividade, ao albergar unha vivenda para residencias creativas, ademais de distintas zonas para desenvolver actividades culturais, empresariais e formativas. 

O proxecto está cofinanciado polas axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública, incluídas dentro do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP).

“As actuacións avanzan a bo ritmo, e xa hoxe están case rematados os traballos de derrube no interior do edificio”, explicou o concelleiro. “Pontevedra seguirá avanzando no seu modelo de creatividade. Estas son unhas obras complexas, mais o noso maior obxectivo é que rematen ben, se pode ser en prazo, polo mes de maio, pero perante todo, que cando as rematemos quede todo perfectamente ben”. 

Gómez comentou que algunhas das accións de derrube están a ser realizadas a través dun robot co obxectivo de manter a maior seguridade para os traballadores e traballadores que se atopan neste intre traballando no edificio. A empresa adxudicataria encargada da obra é Gómez Crespo, tendo o proxecto de rehabilitación un custe de 1.536.196,58 euros (ive engadido). Conta cun prazo de execución de 6 meses e ten un prazo de garantía de dous anos. A empresa ofertou todas as melloras incluídas no prego —valoradas en 65.180,88 euros— que consisten na mellora dos equipamentos das plantas soto, baixa e sexta, a mellora acústica e da ventilación. 

Pontevedra avanza na creación do seu Centro Internacional de Creatividade