"O galego dáche un punto" aterra como nova campaña de normalización do concello de Soutomaior

"O galego dáche un punto" aterra como nova campaña de normalización do concello de Soutomaior

Soutomaior, 23 de febreiro de 2024. Soutomaior, 23 de xaneiro. O Concello de Soutomaior sempre estivo á vangarda na defensa do noso idioma. Foi o primeiro concello en ter unha rúa co nome de Castelao, o primeiro en ter unha rúa co nome de Alexandre Bóveda e tamén o primeiro concello en ter unha ordenanza de Normalización Lingüística, unha ordenanza que se modificou no  ano 1999 e que foi aprobada por unanimidade no pleno da corporación. 

Esta situación convirte a Soutomaior nun concello de referencia na defensa do idioma e ante esta situación e cos últimos datos que se publicaron do uso do galego polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que certifican que xa son máis os e as cidadáns que residen en Galiza falando sempre en castelán. Con estes datos sobre a mesa dende o concello de Soutomaior teñen claro a defensa do idioma, e por ese motivo, como sinalou o alcalde de Soutomaior, Manu Lorenzo,  “decidimos levar adiante unha campaña en positivo, transversal e cun toque de humor para poñer en valor todo o potencial que ten o noso pobo e todo o que podemos ser dende o galego”. 

Tal e como afirmou Manu Lourenzo “con esta campaña animamos a toda a veciñanza a Gozar do seu punto Galego nas artes escénicas, na música e no seu día a día e por iso levaremos adiante actividade e iniciativas de promoción do galego na administración pública, actividades de promoción de galego no ensino e actividades de normalización lingüística que traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país que nos van  dar un punto en galego e animarannos a gozar dese punto G do idioma”. 

PROGRAMACIÓN NORMALIZACIÓN
PROGRAMACIÓN NORMALIZACIÓN

O Concello de Soutomaior impulsará accións a través das áreas que  proxectan e conectan directamente coa cidadanía impulsando o galego na escena, ofertando unha axenda municipal  na que se programarán espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Talía Teatro, Excéntricas, Tarabela Creativa, Centro dramático galego; nos monólogos de Carlos Blanco, Isa Risco, Avelino González, Celsiño, Arantxa Treus cos que imos rir ou partillar propostas musicais coma as de Tino Baz que porán en valor a nosa música e todo o noso acervo lingüístico;  impulsando o galego no deporte, nos convenios coas entidades deportivas e nas promoción do deporte en galego; o galego na promoción económica, traballando conxuntamente co tecido económico no uso da lingua galega nos seus negocios e apoiando ao sector ofrecéndolles for-mación  que melloren as súas competencias lingüísticas na atención ao público en galego  para apostar polo valor engadido que supón a incorporación do galego na venda de produtos e dos servizos que prestan; o galego nas Tic  aumentado a creación de contidos en galego nos soportes dixitais e comunicativos do Concello pero tamén impulsando a creación de recursos en galego para compartir nas redes sociais; o galego no ensino e coa mocidade apoiando ao centros educativos na labor de transmisión da lingua, colaborando coas asociacións, organizando actividades de lecer  e de formación que fomenten o uso da lingua, etcétera

"O galego dáche un punto" aterra como nova campaña de normalización do concello de Soutomaior