O BNG urxe á Xunta a sinatura inminente do convenio para a construción do novo Centro de Saúde de Caldas de Reis
Caldas de Reis, 23 de xaneiro de 2025. O BNG de Caldas de Reis urxe á Xunta de Galiza á sinatura inminente do convenio para a construción do novo centro médico de Caldas. O nacionalista Manuel Fariña lembra que o Concello aprobou hai xa un ano o borrador do texto e acordou coa Consellería de Sanidade poñer a disposición as parcelas de acceso e urbanizar o terreo, polo que destaca que “non hai xustificación válida” para demorar máis a oficialización dun acordo “moi necesario” para a vila termal.
“Non ten sentido agardar máis”, destaca Fariña, quen subliña que está en xogo a saúde das e dos veciños caldenses. Critica que os orzamentos galegos aprobados para 2025 non inclúan unha partida específica para a construción do edificio cando a licitación das obras do novo consultorio debería realizarse neste primeiro trimestre do ano, xa que acumula un atraso moi importante despois dos continuos desencontros entre a Xunta e o goberno local. “Está todo listo para asinar e a obra é unha prioridade absoluta para nós como Concello. Agora a Xunta ten que demostrar o seu compromiso con Caldas de Reis e dar o empurrón final: rubricar o acordo e poñer os cartos para executar a obra. As boas palabras e as boas intencións están moi ben, pero teñen que concretarse coa sinatura do convenio e a contratación das obras, algo que parece non hai moito interese en cumprir dende a Xunta”, insiste o tenente de alcalde do Bloque.
Manuel Fariña critica que os orzamentos autonómicos non inclúen ningunha partida específica para as obras do consultorio nin tampouco para outras actuacións prioritarias para a vila termal como a mellora e saneamento do Umia
Sostén o voceiro nacionalista que ata o de agora o goberno de Rueda non ten amosado “empatía algunha” coas necesidades da vila termal: a Xunta apenas atendeu “a contagotas, e cando non tivo máis remedio” reclamacións históricas e moi necesarias como a reforma do instituto, unha obra que está iniciada, pero “vai a pedais”.
Fariña denuncia que nos orzamentos da Xunta para este ano, unha vez máis, o PP rexeitou todas as emendas presentadas polo BNG sobre Caldas tanto en relación ao centro de saúde -que a día de hoxe non ten partida específica-, como para a mellora e saneamento do Umia, entre outras demandas.
Recuperación integral do Umia
No que respecta ao río, o grupo local do BNG solicitou financiamento suficiente para desenvolver un Plan Integral para a mellora ambiental e da calidade das augas na bacía, cunha avaliación dos custos e beneficios da demolición do encoro, que está a causar moitos problemas de contaminación por cianobacteria, o que obriga a asumir un alto custe de potabilización.
O BNG pediu tamén fondos para a recuperación integral do río co fin de se que converta nun eixo vertebrador da comarca, recuperando tanto as praias fluviais, o dique, e a contorna da fábrica da luz ademais de facer unha limpeza xeral da ribeira e do leito. Outro punto relativo ao río é a petición de retirada da pranta invasora Egeria Densa para que o Umia volva a ser aquel río que os veciños e veciñas recordan e desexan.