Soutomaior prepara o proxecto de desenvolvemento do seu Ecoparque Empresarial
Soutomaior, 24 de xaneiro de 2024 . O Goberno de Soutomaior segue dando pasos importantes de cara á construción do Ecoparque Empresarial da Montesiña, un ambicioso proxecto que suporá un antes e un despois a nivel económico e social e para o concello. Así, o Goberno local licitará nas vindeiras semanas a redacción do proxecto de desenvolvemento do Ecoparque Empresarial por un custe aproximado de 80.000 euros, un movemento imprescindible para que o Ecoparque Empresarial sexa unha realidade canto antes.
O obxectivo do Goberno de Soutomaior con este Ecoparque Empresarial é que se ofrezan naves para que tanto as empresas locais poidan seguir medrando como empresas foráneas poidan instalarse no concello. Para isto, todo o recinto do Ecoparque da Montesiña contará con diferentes infraestruturas que faciliten a instalación das empresas, o que o convertirá nun polo de dinamización económica que, a súa vez, vertebrará as dúas parroquias de Soutomaior, xa que se atopa no punto medio entre ambas as dúas.
Tras máis dun ano de traballo por parte do Goberno de Soutomaior para a construción do Ecoparque Empresarial da Montesiña, entramos agora nunha nova e crucial fase para que o concello poida desenvolvelo e construílo. Para levar a súa construción a cabo, seguirase o procedemento de desenvolvemento por cooperación coas diferentes persoas propietarias dos terreos. Isto permitirá que parcelas que na actualidade teñen catalogación agraria poidan transformarse en dereitos de construción de naves empresariais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “para o Goberno de Soutomaior esta é unha actuación estratéxica. Temos claro que o futuro de Soutomaior pasa por dinamizar a economía local e atraer empresas e por iso non escatimaremos esforzos en que o noso concello poida ter un Ecoparque Empresarial respectuoso co medioambiente, dinámico e atractivo para as empresas”.
“En Soutomaior temos todo o necesario para que as empresas se asenten e crezan no noso concello: un forte dinamismo social, unha gran ubicación con comunicacións fluídas e o propio carácter emprendedor do noso tecido empresarial local. Desde o Goberno de Soutomaior temos o compromiso de poñer a disposición de todo este potencial as ferramentas necesarias para que os diferentes sectores económicos do noso concello e aqueles que se queiran implantar en Soutomaior atopen aquí o lugar de crecemento e desenvolvemento económico que queremos ser”, concluíu o alcalde.