Todo a punto para a celebración da gala dos Feroz, un novo fito cultural na historia de Pontevedra
Pontevedra, 24 de xaneiro de 2025. Este sábado, 25 de xaneiro, Pontevedra escribirá un novo capítulo na súa historia cultural ao ser sede da gala dos Premios Feroz. A cerimonia, que terá lugar no Recinto Feiral, congregará a máis de mil persoas, figurando algunhas das persoas máis recoñecidas do cinema e do sector audiovisual do Estado, como Almodóvar, Najwa Nimri, Candela Peña, Carmen Machi, Anna Castillo, Eduard Fernández, María Léon ou Patricia López Arnaiz, entre outros.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu en rolda de prensa, acompañado da presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), María Guerra, e da persoa encargada de dirixir e conducir a gala, La Dani.
“Estamos moi satisfeitos e emocionados con todo o que foi pasando ao longo destes meses, desde o intre no que nos postulamos a acoller estes premios até hoxe, ás portas de celebralos; polo camiño estivemos no Festival de cinema de San Sebastián, a nosa veciñanza puido gozar dunha programación incríbel, que logrou un éxito de participación tremendo…", indicou o rexedor. “Sempre dixemos que queriamos deixar pegada nos Feroz e eles en nós. A cultura é un elemento imprescindíbel nesta cidade, mantendo o audiovisual en todas as súas formas unha relación realmente especial coa vila”.
O rexedor lembrou que o obxectivo do Concello a través dos Feroz foi sempre implicar á cidade con este evento e coa cultura audiovisual, polo que até o último día “contamos cunha programación especial que terá a súa continuidade este ano, de cara a gala do 2026”. “Fixemos un esforzo especial neste sentido, por iso abrimos o Auditorio do Pazo da Cultura para que a veciñanza poida seguir a retransmisión o máis perto posíbel”.
Lores agradeceu o traballo que fixo posíbel a programación dos últimos meses, así como a gala deste sábado; tanto a María Guerra como ao seu equipo dos AICE, pasando polos traballadores e traballadoras do Concello, patrocinadores e, “en xeral, a todo o mundo que quixo e quere formar parte desta aventura colectiva”.
María Guerra agradeceu a implicación da cidade de Pontevedra ao longo de toda a programación previa á gala, sinalando que nunca viran unha asistencia tan masiva a este tipo de actividades en ningunha das citas ou sedes anteriores.
Pola súa banda, La Dani comentou e describiu a súa estancia en Pontevedra como unha experiencia realmente fermosa e sorpresiva, agardando poder presentar unha gala “diversa, sorprendente e divertida”.