'Domingos do Principal' volve en febreiro con catro propostas variadas para cativada e familias

O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou, acompañado dos representantes de Teatro Akatro, una nova edición dos Domingos do Principal que botará a andar o vindeiro 2 de febreiro e contará con 4 espectáculos, cada domingo ata o día 23 inclusive.
O concelleiro apuntaba que “estamos moi contentos porque Pontevedra non para. Esta fin de semana temos os Feroz pero xa estamos preparadas e preparados para que a partir da próxima semana isto siga a ser un fervedoiro. Queremos presentarvos a primeira tempada dos Domingos do Principal, a tempada de inverno, que virá seguida doutra en outono porque este ano queremos facer un esforzo moi grande para o público infantil e familiar e imos ter ao longo do ano varias sorpresas. As entradas xa están en Ataquilla.com a os prezos habituais de 4€ entradas e 12€ o abono.
Destacar que contaremos con máis alto nivel dentro desta programación. Algo que quero agradecer a Xacobe e Tareixa de Teatro Akatro polo traballo que fixeron de selección de obras, tanto galegas como de fóra do noso país. Para Pontevedra é un luxo ter unha programación coma esta, pero sobre todo é un luxo ter persoas como estas que son capaces de montar un programa así, como fixo Teatro Akatro e ter tamén empresas como Ovo, capaz de facer algo tan bonito como este cartaz. Este traballo colaborativo e conxunto non pode producir máis ca éxitos e agardamos que este mes de teatro para nenos, nenas e familias, sexa tamén un éxito”
Xacobe Rodriguez iniciou a súa intervención agradecendo ao Concello “porque confiaron en nós e nos dan plena liberdade para poder escoller os espectáculos. Levamos xa un montón de anos con esta programación e traemos a metade dos espectáculos de fóra e a metade de aquí. Para debullar a programación, comezamos o primeiro domingo coa compañía Roi Borrallas: un clown galego asentado en Cataluña que montou a súa propia compañía. Trae un espectáculo delicado, que combina monicreques con traballo de clown e manipulación. É digno de ver non só para público infantil senón para público adulto. Podería ser programado en Ponteatro e tería o mesmo éxito. Acumula unha morea de premios e vai sorprender. O domingo 9 contaremos coa compañía veciña Artika, de Vigo, que vén cun espectáculo musical e trata o tema da diferencia, do rexeitamento ao que vén de fóra, etc. Un espectáculo amable, musical e divertido. O 16 de febreiro traemos a tamén galega Elefante Elegante, cun espectáculo plástico, visual, que fai reflexionar sobre a vellez e as situacións que se dan coa xente maior, o esquecemento, a soidade, etc. Traballa con linguaxe xestual que permite que haxa varias lecturas do espectáculo para a cativada e o público adulto. Acabamos o último domingo de febreiro con La Chana, unha compañía de Salamanca que leva traballando dende o ano 87 e empregan a palabra e os obxectos. Nesta ocasión é unha versión en verso de Blancanieves onde todos os personaxes son lámpadas. É un espectáculo para cativada a partir de 6 anos con moitas chiscadelas para público adulto. Foi gañador do Premio Max no 2023 entre moitos outros recoñecementos.