O BNG solicita bautizar o pavillón de Carballedo como Xosé Luís Bouzas Ambroa, "O Rubio”

'O Rubio' xunto co ilustrador Victor Rivas nun xantar do BNG no que se agasallou unha lámina de Victor Rivas en recoñecemento a toda a súa traxectoria
'O Rubio' xunto co ilustrador Victor Rivas nun xantar do BNG no que se agasallou unha lámina de Victor Rivas en recoñecemento a toda a súa traxectoria
O BNG solicita bautizar o pavillón de Carballedo como Xosé Luís Bouzas Ambroa, "O Rubio”

O BNG, facéndose eco de peticións veciñais e de colectivos vencellados ao deporte, vén de presentar unha moción para denominar como “Xosé Luís Bouzas Ambroa, ‘O Rubio” o pavillón municipal de Carballedo.

‘O Rubio’ foi unha persoa que xerou en vida e continúa a xerar un enorme consenso social,

Xosé Luís Bouzas Ambroa destacou polo fomento do deporte e dos valores deportivos a nivel local. O seu papel foi decisivo na posta en marcha na década dos 90 do primeiro clube de fútbol-sala feminino, convertíndose en todo un referente da igualdade real entre homes e mulleres tanto a nível municipal como a nível galego, nunha época onde non era habitual este tipo de iniciativas que apostaban por unha sociedade máis xusta, solidaria e igualitaria.

Os equipos de fútbol-sala Deportivo Loureiro FS masculino, creado en 1994 ou o Deportivo Loureiro FS feminino, creado poucos anos despois foron das súas primeiras contribucións no ámbito deportivo, máis non as últimas. A comezos do 2000 fai parte da fundación do equipo feminino “Forno de Barro”, que logo pasará a denominarse “Tenorio Fútbol-Sala Feminino”, único equipo de mulleres do Concello. E a partir de 2008, o Tenorio Fútbol-Sala Masculino.

“O nome de ‘O Rubio’  xera e fomenta a unión veciñal e o seu labor a prol da igualdade, da xustiza, do deporte, e en xeral da sociedade das terras do Canón de Pau fano digno merecedor de ser lembrado como un referente veciñal que traballou arreo polo desenvolvemento social e deportivo de Cerdedo-Cotobade”, afirmou o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira.

Desde o BNG propoñemos, pois, que nada mellor para homenaxear a un home fundamental na vida social e deportiva de Cerdedo-Cotobade, que o pavillón de Carballedo pase a denominarse PAVILLÓN XOSÉ LUÍS BOUZAS AMBROA, ‘O RUBIO’, así como que desde o Concello se leven a cabo unhas xornadas deportivas e divulgadoras do traballo e da fonda pegada que deixou o noso veciño na historia local.

O BNG solicita bautizar o pavillón de Carballedo como Xosé Luís Bouzas Ambroa, "O Rubio”