Soutomaior contratará unha vintena de persoas para o mantemento e limpeza de vías e tarefas administrativas

Soutomaior, 27 de xaneiro de 2025. O Goberno de Soutomaior vén de anunciar que contratará unha vintena de persoas para levar a cabo a limpeza e mantemento de vías e tarefas administrativas no concello durante 2025.
Haberá 10 postos de peón forestal, que estarán dedicados a tarefas relacionadas coa limpeza e mantemento de camiños, así como a prevención de incendios; outros 4 postos de varredor/-a, que se dedicarán á limpeza e mantemento de rúas e zonas verdes municipais; e os 3 postos restantes serán para albanel, que realizarán tarefas de mantemento de rúas, beirarrúas, instalacións municipais e outras vías públicas.
A incorporación do persoal de rúa realizarase de maneira escalonada co obxectivo de que haxa persoal a maior parte do ano e que nos meses de maior necesidade o concello conte coa totalidade das persoas contratadas de maneira activa.
A maiores, o Concello de Soutomaior tamén contratará unha persoa para ocupar un posto de auxiliar administrativo e outra persoa para auxiliar da biblioteca. Ambos os dous contratos terán unha duración de 9 meses
Co obxectivo de que o proceso de contratación se leve a cabo con total transparencia e garantizando que todos os veciños e veciñas teñan igualdade de oportunidades, por segundo ano consecutivo os códigos necesarios para presentarse ás ofertas de emprego serán públicos. Esta é unha iniciativa impulsada polo Goberno local desde o comezo do mandato e que anos atrás non se viña facendo.
Os veciños e veciñas interesadas en presentarse ás ofertas de emprego deberán estar dados de alta no paro e ser solicitantes de emprego. Deberán pedir cita na súa Oficina de Emprego e pedir que na súa ficha conste o código do posto ao que queren postular. Os códigos son os seguintes: PEÓN FORESTAL: 95431028, VARREDOR: 94431016, ALBANEL: 7121105, AUXILIAR ADMINISTRATIVO: 45001019, AUXILIAR DE BIBLIOTECA: 42101011. Se as persoas interesadas teñen calquera dubida sobre o procedemento, poden poñerse en contacto co Concello de Soutomaior a través das canles oficiais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “coa incorporación desta vintena de persoas á brigada de obras e ao corpo administrativo municipal prestaremos un mellor servizo aos veciños e veciñas do concello, garantizando que os barrios sigan igual de limpos que estiveron en 2024. Trátase dun procedemento realizado con total transparencia que permite que calquera veciño ou veciña interesada poida consultar os códigos nos medios de comunicación, nas redes e na páxina web do concello”.