"Noites Abertas" regresa con 107 actividades diferentes e 183 sesións entre o 31 de xaneiro e o 29 de marzo

Pontevedra, 27 de xaneiro de 2025. O concelleiro de Xuventude Demetrio Gómez vén de presentar a que será a 26 edición do programa Noites Abertas, que botará a andar este venres 31 de xaneiro e finalizará o 29 de marzo.
“Hoxe somos aquí unha repesentación moi ampla de Noites Abertas que é o programa con mellor ambiente de todo o concello de Pontevedra, que é o que toca pola noite, que haxa bo ambiente”. Noites Abertas é o programa de lecer nocturno máis antigo do estado e está organizado dunha maneira colaborativa entre entidades, persoas, e asociacións desta cidade.
Para entender a complexidade do programa do que na pasada edición gozaron preto de 2.600 mozas e mozos, Demetrio Gómez deu algunas cifras. 54 entidades participantes: 15 asociacións, 23 persoas aútónomas e 15 empresas. Haberá 7 fins de semana nos que haberá 14 xornadas de actividades. 107 actividades diferentes, 100 escollidas entre os proxectos presentados máis as propostas pola propia organización e o Local de Música. Hai tamén 13 espazos difererentes, algúns habituais e outros non tanto como o Muíño da Cancela, o Observatorio de Cotobade ou o Cemiterio de San Amaro. E sobre todo, 136 persoas que traballan en Noites Abertas e fan posible que Pontevedra poida disponer desta magnífica oferta para a nosa mocidade. Son 126 persoas monitoras, 7 controladores e controladores, unha técnica de igualdade, un director de actividades e unha coordinadora e tamén as persoas que van andar pola cidade difundindo o programa nos centros de ensino, na rúa, para que as mozas e mozos desta cidade saiban que están de volta as Noites Abertas”
Demetrio Gómez quixo destacar de Noites o programa de promoción da Igualdade e o traballo da coordinadora de Igualdade, Vicky Estévez. “Ata agora nunca ninguén en ninguna actividade protestou polas suxestións de como mellorar a súa actividade nese campo e de feito, agradecen moito esta iniciativa que promove a igualdade, a inclusión, o respecto, etc. Tamén mantemos o programa de acompañamento con Xuntos para que Noites sexa o máis inclusiva e diversa posible.”
O concelleiro de Cultura tamén quixo lembrar que “non é preciso facer cola 3 horas antes nas actividades. Con chegar uns minutos antes é abondo e, no caso de que haxa máis persoas que prazas, farase un sorteo. Mantemos tamén as actividades sen monitorado como o bádminton libre, o pin-pon libre e o “Espazo aberto” onde calquera rapaz ou rapaza pode acudir sen maior pretensión que coñecer xente, socializar con outras persoas que non buscan unha actividade guiada, senón pasar un anaco en compañía.
Haberá actividades para todos os gustos: saídas, actividades deportivas, lúdicas, artesanía, decoración de roupa, cociña, ou un xogo de escape no Cemiterio de San Amaro, etc. "O que imos buscando, coa convocatoria previa que facemos, é que sexa a propia mocidade a que nos indique o que quere facer”, afirmou Demetrio Gómez
Pola súa banda desde a organización destacaron que “ao ser unha convocatoria aberta sempre hai actividades novas, pero este ano o que vimos é que motísima xente que antes era participante, persoas mozas que ían ás actividades, animáronse a presentar propostas”
Noites comezará este mesmo venres con actividades deportivas, cociña vexetariana, danzas urbanas, tatuaxes, xoiaría con elementos naturais, tatuaxes temporais, curtas co móbil, speed friendship, etc. no Froebel, Casa Azul e o Local de Música.