Lores: “a gala dos Feroz foi un éxito porque Pontevedra e as súas xentes sempre están á altura”

Lores: “a gala dos Feroz foi un éxito porque Pontevedra e as súas xentes sempre están á altura”

Pontevedra, 27 de xaneiro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este luns, 27 de xaneiro, aínda emocionado logo do “éxito sen paliativos” que foi a gala dos Premios Feroz 2025. O Recinto Feiral foi un epicentro cultural sobre o que se pousaron xa non milleiros, senón millóns de ollos, tal e como destacan os datos de audiencia -máis de 2 millóns de espectadores pasaron pola retransmisión de La 2 nalgún intre-. 

“Vivimos unha noite divertida e reivindicativa, unha noite na que o nome de Pontevedra foi compartido milleiros de veces. Durante unha fin de semana fomos a capital estatal do cinema”, explicou o rexedor. “Estamos realmente satisfeitos e agora tocará sentarse a valorar e coñecer as impresións de todos os implicados para traballar xa de cara á gala do 26. Ademais, tendo en conta o ben que saíu, teremos que traballar arreo para mellorala, e así o faremos, porque Pontevedra sempre, sempre, sempre está á altura”. 

Lores sinalou a “amabilidade e colaboración de toda a cidade” ao longo destes meses, lembrando que “Pontevedra respondeu como só a súa veciñanza sabe”. “Era moi importante realmente que a sociedade, en todos os seus eidos, se implicase, e quero agradecer especialmente o traballo da asociación de perruqueiras de Pontevedra, do Carlos Oroza, da Universidade e da Fundación Xoan XXIII; ademais de darlles as grazas a todas as empresas locais que estiveron implicadas na xestión e organización da gala e da súa programación previa”. 

Ademais, estendeu o seu agradecemento a todos os centros escolares que traballaron en actividades previas, como os podcast ‘Ouveando Feroz’; xunto con iniciativas privadas que se uniron a esta celebración, con escaparates decorados para a ocasión, ou bolos de pan co logo dos Feroz. 

Doutra banda, o rexedor quixo felicitar a La Dani, “que estivo espectacular”, ao longo de toda a cerimonia, dirixíndoa. “Tamén quero darlles os meus parabéns, varrendo xa para casa, para o país e a nosa xente, a Diego Anido e María Vázquez, que estiveron xeniais no escenario”. 

“Os meus últimos agradecementos van para todos os actores e actrices, directoras, guionistas e produtoras que falaron tan ben de nós e da súa xente, que alabaron a idea da descentralización este tipo de eventos e que sinalaron todas as marabillas de Pontevedra que atoparon, desde a beleza das súas rúas e prazas, até a gastronomía incríbel que temos”. 

Lores: “a gala dos Feroz foi un éxito porque Pontevedra e as súas xentes sempre están á altura”