Caldas estrea o 8 de febreiro a nova pista multideportes da Tafona

Caldas estrea o 8 de febreiro a nova pista multideportes da Tafona

Caldas de Reis, 28 de xaneiro de 2025. Caldas de Reis estreará o vindeiro 8 de febreiro a nova pista multideportes da Tafona con torneos de partidos amigables de baloncesto e voleibol. Así o anunciou o Tenente de Alcalde responsable da área, Manuel Fariña, quen subliña que o novo recinto, “moderno e polivalente”, porase a disposición da veciñanza para facer deporte de forma cómoda e segura ao aire libre nunha das zonas máis populosas da vila termal. Nos vindeiros días, tan pronto deixe de chover, remataranse os traballos que quedan por facer. 

Fariña destaca que a nova dotación deportiva é unha mostra da aposta decidida por mellorar a calidade de vida da veciñanza coa promoción de hábitos que inciten ao exercicio e á actividade física, atendendo, ademais, as peticións do barrio. Subliña que o equipamento permitirá a práctica de diferentes deportes, máis alá do fútbol, abrindo o abano a outras modalidades como o balonmán, o baloncesto, o voleibol e incluso deportes de rede. “Sabemos que vai ter moito uso para xogar ao fútbol, xa que é a práctica máis popular, pero queriamos que esta cancha fose moderna e versátil para dar visibilidade e promocionar tamén outras alternativas”, sinala o nacionalista. 

Coa idea na cabeza de poñer en valor os diferentes xogos que pode acoller a nova instalación, o Concello, en colaboración con clubs e participantes das actividades organizadas polo servizo municipal de Deportes, organizou a inauguración para o sábado 8 de febreiro. A intención é celebrar durante toda a tarde torneos de baloncesto e voleibol con partidos amigables entre as e os deportistas do club As Urracas e as persoas que xogan no pavillón municipal, que substituirán o seu tradicional adestramento baixo cuberto por actividade ao aire libre. 

“Estamos moi contentos de atender as demandas da xente, que ata agora tiña na Tafona un campo de cemento nada funcional con elementos oxidados e desfeitos que houbera que desmontar . Todo iso substituímolo pola pista multideporte, unha nova área de xogo axustada ás necesidades que nos comunicaron e que será de uso público e gratuíto para seguir incrementando os servizos e as prestacións municipais”, sinalou Fariña. 

A recuperación do espazo deportivo da Tafona incluirá unha nova cancha de resina epoxídica sobre a base da actual, xunto coa instalación de novos elementos como canastras, porterías, postes e unha rede central móbil de materiais antivandálicos que precisan case nulo mantemento. O novo espazo de xogo terá unhas dimensións e 20x10 metros e disporá dun peche perimetral dun metro de altura aberto polos fondos tras as porterías, por onde se entrará na área de xogo. 

As obras de montaxe están a piques de rematar, xa que unicamente resta aplicar as capas do novo pavimento acrílico e pintar as liñas divisorias, algo para o que será preciso que deixe de chover. 

 

Caldas estrea o 8 de febreiro a nova pista multideportes da Tafona