CASE 4000 PASARON XA POLO SALÓN
A troca de libros, a despedida de Baobab, un concerto exclusivo da Orquestra Sinfónica e varias estreas pratos fortes da segunda fin de semana do Salón do Libro

Pontevedra, 27 de marzo de 2025. O Salón do Libro, botou a andar o pasado vernes 21 e recibiu na primeira fin de semana preto de 4000 visitas polas que a organización quere “agradecer á acollida ao público familiar que un ano máis aposta polo Salón, participando moi activamente na súa programación e gozando dos libros, a música, o cinema,os contacontos, obradoiros e espectáculos.
Entre a oferta de actividades para a fin de semana que entra, na xornada do venres 28 cabe destacar o espectáculo ‘Miserábeis’ do IES Illa de Ons que terá lugar ás 19h. e para o que hai semanas que non quedan entradas. Os bebés poderán gozar cos contos ‘Do berce á lúa’ de Tania Justo e para público familiar, o Recinto Feiral acollerá ‘O lobo feliz’ de Miguel Guido, con contos e música.
Para os máis lectores e lectoras, ás 17.15h. o escritor Fran Alonso e a ilustradora Chus Rojo, presentan e asinan ‘A rebelión da lectura’ e para adultos ás 19h. na Libraría Paz, Roberth Neal Baxter presenta e asina o seu libro ‘Brzhoneg. A lingua celta da Bretaña’.
O sábado botará a andar cun evento astronómico, a eclipse para a que o Salón contará con material e instrucións para unha observación segura. Ás 12.00 h. 17.00 h. e 18.30 h a cativada de 0-3 poderá gozar da estrea de ‘Pitiminí’ de Iria Pinheiro e Davide González e tamén en primicia para público familiar, o espectáculo exclusivo, creado pola Orquestra Sinfónica de Pontevedra para o Salón ‘Silence, Musique, Action!, que combina música francesa, cine e humor para dar a coñecer os xenios do cinema mudo. Máis música chegará da man de As Tareixas co seu divertido espectáculo ‘A cadeira da avoa’. Non faltarán ao longo do día os contos de Pavís Pavós ou Caxoto e obradoiros de cociña francesa, ilustración, arte e cinema e creación de videoxogos.
O domingo o Recinto Feiral acollerá entre as 11.00 h e as 14.00 h a Troca de Libros na que participan 18 centros de educación infantil, primaria e secundaria, ANPAS e a Escola Oficial de Idiomas. O evento, que celebra a súa 5a edición, busca dar unha segunda vida aos libros. Tamén pola mañá, ás 12.30 h. o público a partir de 4 anos poderá gozar do espectáculo ‘Luppo’ da xira de despedida da compañía pontevedresa Baobab Teatro con entradas a un prezo de 3€ en venda anticipada en Ataquilla.com.
A programación especial do Cineclube Pontevedra para cativada, regresa ás 12.00 h ao Principal con ‘Dilili en París’ de Michel Ocelot, destinada a familias con cativada a partir de 6 anos, con entrada libre ata completar cabida.
Os bebés de 1 a 4 anos contarán con dúas propostas diferentes, o contacontos ‘Instrucións para ir durmir’ de Caxoto ás 11.30 h e o obradoiro inmersico ‘Lumière 2025’ de Arkhé Espazo Educativo.
O público familiar terá a oportunidade de asistir de balde ata completar cabida á estrea de ‘O camiño de Oz’ de María Faltri, unha sesión de contacontos e música arredor do afamado libro de Frank Baum. Non faltarán os obradoiros da man de Faiado de Nin con Cadernos Lectores e Minilibros, o de cociña coa pizza das Tartarugas Ninja da man de Reviravolta, Creando en mundo dixitais do MUVI, ou ‘En verde’ de Producciones Mutantes.
Ao longo do día o Carballo con botas percorrerá o Salón con sesión de contos itinerantes.